Archive for the 'Poesía' Category
As Noites son tan longas (no inverno)

Sempre digo que o día menos pensado,

é o día, é un segundo nunha festa,

rápido e atolondrado,

Coma unha cancion dos Suaves,

coma unha disputa de namorados.

Sempre digo que hoxe é o día agardado,

e unha brisa de verán lévame cara ao mar,

Triste e resignado,

Coma unha nai que casa á sua filla,

Coma un vello no parque sentado.

Pero á noite volto a compor esta canción

E abrazándome á noite xuro loitar

soño con rachar esta tristura de cantautor

facendo eu só un bo rock and roll

e xa non me dá medo a noite,

nin o tempo salvaxe que ouvea na ventá,

e mañá tamén é bo día para comezar.

Adicado á xente da cidade das murallas.

Antón do Carro

Chuzame! chuzame -
As palabras que voan no vento

Estamos no outono, tempo de nostalxia e melancolía, e tempo para botar unha ollada atrás e facer memoria de todo o acontecido en todo o ano. Do bo e do malo, e do que se pode mellorar. Escrebo todo isto mentres escoito o poema de Maria Lado con música de Fanny+Alexander que podedes atopar na web da Regueifa, unha auténtica delicia.

Unha grande parte da literatura galega, como de outras línguas minorizadas, é poesía. O motivo de que sexa así é o mesmo que fai que a xente siga a falar o idioma: o sentimento. Deste xeito, como dicía Carlos Casares, un pode ter lazos sentimentais que o vencellen a unha língua, como sucede cos lugares e coas persoas. E un pode aferrarse as eses lazos.

O vídeo de hoxe é algo máis longo do habitual. Tenta ilustrar todos os tópicos sobre a língua galega, incluido o que acabo de falar. Tanto o contido como a factura visual son óptimos, polo que vos recomendo encarecidamente velo. Pulsando sobre o botón de Google Video, podedes ir á páxina onde descargalo a calidade boa.

 

Chuzame! chuzame -
A musa do blogomillo

Enténdese por blogomillo o conxunto de blogues escritos en galego (en calquera norma), esteñan ou non neste servidor, blogaliza. Podedes consultar unha lista máis ou menos automatizada na páxina principal, na ligazón correspondente. O blogomillo conforma unha comunidade máis ou menos dinámica e, como tal, ten os seus propios sinais de identidade e as súas propias referencias.

Unha destas referencias, inmortalizada no mítico post de Aduaneiros, 'Tu quoque Iolanda', é a poetisa Yolanda Castaño. Ademáis de aparecer no Cifras e Letras e compoñer estrofas, esta muller foi a primeira, e desde entón única, musa dos blogueiros galegos. Os seus méritos foron os seus méritos literarios, o seu compromiso coa cultura do país e, a verdade e sobre todo, o seu glamour. Fácil de atopar nos ambentes pseudo-universitarios da cidade da Torre, talvez recitando os seus poemas para os seus admiradores ou indo ao supermercado, mais sempre divina.

Por suposto, ser tan innovadora, radical, supercool, progótica e, porque non dicilo, galeguista serviulle para recoller unha multitude de críticas e desprezos do común dos mortais, incapaces de enfrontarse a un ser superior coma ela. Pretendéndoo ou sen pretendelo, a musa rachou por fin con todos os tópicos asociados á poesía galega, aos ambentes bucólicos e tradicionalistas do mundo rural e matriarcal para ofrecer por primeira vez unha imaxe de muller contemporánea alternativa, urbanita e autosuficiente. Un artificio que por fin aparece na súa versión galaica e pola súa irreverencia provoca. De feito, nálgúns mesmo provoca náuseas, algo que non sucedería se procedese de Madrí ou Nova York, por exemplo. Romper cun tópico nunca é fácil e ese mérito será sempre seu. Como di neste video '...e tanta calamidade me safistace porque a miña beleza fundará dinastías...':


A súa caída, e o motivo do post de Aduaneiros, foi a súa traizón a Isaac Díaz Pardo cando aceptou o posto de diretora da galería Sargadelos da Coruña, despois de estar e darlle o seu apoio na homenaxe que lle rendiu o ámbito cultural galego cando o botaron da súa propia empresa. Deste xeito, a musa caeu en desgracia.

O asunto de Díaz Pardo é un tema complexo que queda fóra do alcance deste blog de momento. Simplesmente dous apuntes: Díaz Pardo é algo máis que un icono e un referente da cultura galera, é unha personalidade histórica que perdurá na memoria colectiva do povo galego mentres exista. Por outra banda, os intereses que hai a día de hoxe detráis do seu grupo empresarial son alleos á súa obra como artista, pioneiro e creador e xa se sabe como son na Galiza as herdanzas... Eu persoalmente inclínome por darlle a razón a él, mais sei que non podo ser imparcial nese aspecto.

Chuzame! chuzame -
Queixume

Pensarás que me queixo;

Que me queixo por queixar,

Que a vida e pra vivila,

Que deixe xa de chorar,

Poderas dicirme fai algo,

Se algo queres cambiar;

Pero o certo é que me sinto,

Síntome coma unha gota

que quere voltar ó mar,

Pedindo axuda a berros,

Berrando,

Berrando por non calar;

Teño medo que o meu pobo

Morra de soidás,

Que os seus netos non saiban

Chorar,

Chorar o miralo mar;

Que cando a vella pregunta,

Xa non saiban contestar

Que haxa abismos máis grandes,

Tan grandes

Que nin podamos con saltar soñar,

E aínda imaxino ou creo oír,

A ledicia dos nenos a noite San Xoán

berros de nais chamando pra merendar

aquel vello que chora,

Que chora, que chora sen chorar

non pares galego de soar

por que non quero

Non quero deixar de queixar.

Antón do Carro (1968-1987)

Chuzame! chuzame -
Remexendo no faiado

Agora que teño algún tempo (XD), vou tentar rescatar algúns dos meus pequenos tesouros que tiña esquecidos nalgún lugar escuro... e así é como atopei un vello volume titulado 'Antoloxía de novos autores galegos 1969-1989' que mercara todo podre hai anos nun rastro da cidade vella da Coruña (actualmente denominada 'Lakoru-nêno'). Despois de abonar os rigurosos vinte pesos e recibir o agradecemento eterno do anticuario, deixeino abandonado ata agora.

De todo o monte de lixo que contén o tomo, houbo cousas que me chamaron a atención. Paréceme que paga a pena sacalas á luz, así que decidín publicalas aquí. Comecei no anterior post por 'Solsticio', que me cadraba ben pola data, e continuarei nos seguintes días con outras composicións de varios autores.

O pequeno poema do anterior post pertence a un autor maldito. Despois de facer unhas pesquisas con xente do mundo literario galego (non, non falei con Yoli Castaño) puiden saber algo máis sobre el.

Antón do Carro é o pseudónimo, talvez influido polo ídolo da época, que enmascara unha personalidade rebelde e atormentada que desapareceu en moi escuras circunstancias a finais dos anos 80. Non se coñece o seu verdadeiro nome e só se sabe que por aquelas datas apareceu polos ambientes universitarios compostelanos un personaxe de marcado sotaque ortegano que se confundía con outras moitas personalidades daquel tempo e lugar. Todo era mala vida, drogas, mulleres fáciles e... versos. Non era doado deixarse levar naquel ambiente, como tantos outros, acabar tendo problemas coas drogas. Deste xeito aparece morto un día de novembro de 1987 perto dunha vía do ferrocarril, non tendo ninguén que reclamara o seu corpo. Non hai forma de obter máis datos sobre a súa morte. Sobredose ou suicidio, de calquera forma pertence á chamada xeración X (lese 'xis') ou xeración perdida da que falarei máis adiante en profundidade.

Mentres tanto, gozade da súa lírica.

Chuzame! chuzame -