Este post pode ser bastante tedioso e persoal, así que vos aviso. A punto de rematar o ano 2007, aínda que poida non ser o último post, é bo facer balace do que cada un fixo. No meu caso, comecei a comezos da primavera este blog como pequeno experimento sen pretensión demasiado serias, e así continua. Mais tamén me serviu para aprender e darlle importancia a cousas que anteriormente me pasaban desapercibidas e que son realmente importantes.
Un blog escrébeo calquera, mais, un bo blog... é unha tarefa realmente complexa. Desde a escolla inicial dos temas a tratar, o aspecto visual, a lingua empregada e o uso que se fai dela, ata atopar o que realmente un quere expresar e transmitir, hai un camiño que para cada blogueiro é diferente. E pouco a pouco, cada un vai pulindo o seu estilo, de xeito que escreber vólvese un hábito agradecido.
Como resume do ano, o blog naceu como produto da crispación. Deste xeito, tivo un parto complicado, nun momento en que parecía que o España ía cara a hecatombe e a fin dos días estaba perto. Travesías naceu como medio persoal de combatir esa imaxe imposta tan artificial que se nos estaba (e sigue) a vender nos medios. E á marxe tamén naceu como un medio persoal de informar á xente que teño próxima de cousas que me parecía debían coñecer. Ése é un dos obxectivos de blogaliza, facer que a xente se comunique en galego na rede dun xeito cómodo. Para o castelán e o inglés xa hai outros servidores, teñen de sobra onde escoller.
Pouco a pouco, os tronos foron desaparecendo do ceo, para comezar a falar de cousas realmente interesantes. Concertos, discos, grupos, libros e poesía. Foi nese momento cando o blog tomou o corpo que ten agora. A modiño, as visitas foron medrando. Nunca pretendin ter moitas, así que estou gratamente sorprendido, xa que houbo semanas que superaron o cento. Dito isto, débolle agradecer á ¿musa? do blogomillo e aos malpocados Aduaneiros, así como a xente que me ligou o s posts surxidos da polémica de hai unhas semanas. Voltarei sobre o tema, ainda que máis polo interese que pola repercusión que teña o que poida dicir eu.
Para o ano que entra aguardo ter máis novidades, unha delas xa está en marcha. Xa escollín espazo para as fotos, 23hq, o que me recomendara Ifrit, será o lugar a onde suba todas as fotos persoais.
Saude!
chúzame - 
