Archive for the 'Música' Category
Ialma

Este grupo de pandereteiras fillas de emigrantes galegos en Bruxelas (capital da Bélxica) levan xa un tempo en escea. Desde o seu primeiro disco a capella ata o seu último álbume no 2006, foron unha mostra de que a cultura non ten fronteiras. A canción do vídeo é unha versión de "Under the Bridge" dos Red Hot Chili Peppers, adaptado a un ritmo tradicional galego cunha moi exacta traducción das letras.

A voz principal é a de Verónica Codesal. Esta rapaza saltara aos medios haberá dous anos por representar co seu outro grupo, Urban Trad, a Bélxica no festival de Eurovisión. Unha voz e un grupo que pasa inadvertido aos medios españois, máis centrados na súa caspa habitual (flamenco e pop latino).

Durante os últimos anos, levaron as súas cancións por toda Europa e mesmo as mesturaron co rap e o hip-hop, como moitos espectadores puideron contemplar abraiados nos últimos especiais da TVG. E con eles moitos outros grupos da última fornada de grupos do que será lembrado como o segundo movemento bravú nos comezos do século XXI.

Chuzame! chuzame -
Rosalia XXI

Rosalia XXI é o título da nova colaboración entre o pianista Abe Rábade, Guadi Galego e o poeta Anxo Angueira. Este proxecto naceu como un encargo da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza para a controvertida feira do libro da Habana. O obxectivo era mostrar unha versión contemporánea da obra da poetisa galega máis representativa de todos os tempos: Rosalía de Castro. Téntase dar una nova imaxe, renovando o xa mostrado por outros autores como, por exemplo, Amancio Prada.

Neste vídeo explícase máis en profundidade:

Resulta difícil de crer que non recibise prácticamente ningunha atención polos adormecidos medios de comunicación do país. Bótase en falta tamén a presentación do traballo en directo nesta beira do Atlántico. O CD está á venda na tenda vitual de Falcatruada e na tenda virtual de Apple, iTunes. Eu, por suposto, xa encarguei unha copia.

Chuzame! chuzame -
Ponte ao meu lado

Este é un dos vídeos realizados para promocionar o patrimonio cultural galego-portugués, realizado por Guadi Galego e o grupo português Vozes da Rádio.

Outra pequena marabilla que fala de acercamento e compresión entre dúas culturas afastadas por escuros intereses. Esta clase de iniciativas as que nos dan azos e fan que nos reconfortemos co mundo no que vivimos.

Chuzame! chuzame -
Hazomoon na escaleira de Jacob

Farto de mostrar vídeos alleos, decidín subir o meu primeiro a YouTube e postealo no blog. Trátase dun concerto do grupo Hazomoon, no que un intérprete dun instrumento feito por el mesmo denominado Hang (man en suízo) é acompañado por outros máis tradicionais como a guitarra, flauta e a voz.

Este vídeo foi grabado cun móbil (é o que hai ) en La Escalera de Jacob, que é un centro cultural alternativo situado nun dos barrios máis marxinais do centro de Madrid. Habitualmente represéntanse funcións de teatro e concertos experimentais nas súas dúas salas, todo nun ambiente moi gafapasta (incluídas as pompas de xabón entre o público).

Abonda dicir que case quedo durmido no concerto. A música é tan monótona e repetitiva que por moita gana e interese que lle poñan os intérpretes, axiña acaba cansando. O ambiente pseudo-hippie tampouco axudou a mellorar a situación. Se vendesen o disco á saída creo que desta vez non o compraría.

Chuzame! chuzame -
Guadi deixa Berrogüetto

A cantora, gaiteira e compositora cedeiresa abandona, non se sabe se temporalmente, a banda do Berro no gueto. A nova é toda unha sorpresa para os seguidores do grupo. Será substituída por Xabier Díaz, do que xa teño falado en posts anteriores. É unha mudanza radical no grupo, que troca unha voz feminina por unha masculina, o que quizabes se traduza nunha variación das súas propostas musicais. Xabier xa colaborara antes co grupo en varias ocasións. De feito, ten gravado o disco Músicas de Salitre con Guillermo Fernández.

As dúas voces xa compartiron escenario máis dunha vez. Aquí tedes unha mostra, na presentación do último disco do grupo, 10.0.

Esta nova fíxose pública nos últimos días e foi algo realmente inesperado. Nos últimos tempos, a da vila de Cedeira puido concretar varios proxectos máis persoais con outros músicos e centrarse na súa labor como compositora. Nunha entrevista de hai dous anos, ela mesma falou dun novo Espido con Xabier máis os proxectos ás veces derivan por outros camiños. Tampouco se poden descartar entre os motivos discrepancias, lóxicas entre artistas, co líder espiritual, o ubicuo Anxo Pintos. Como dixo nunha entrevista recente o seu substituto, sería unha enorme perda que deixara a música galega. Non podo evitar lembrar o concerto de presentación do 10.0 gravado pola TVG, que anda circulando por ahí, é a que recibe a maior ovación do público cando sae en último lugar para poñerlle a emoción a ese "Fusco", un dos temas máis emotivos do grupo.


Tamén hai novas sobre o DVD e o novo disco do grupo, que parece ser sairá neste outono. Seica vai estar moi traballado, con moitas colaboracións e incluso cunha orquestra de fondo, isto último aínda sen confirmar. O disco vai ser grabado co novo cantor, máis de seguro que Guadi aparecerá nel. Estamos impacientes.

Chuzame! chuzame -
A máis grande

O vídeo de hoxe pertence a unha actuación para a televisión brasileira da grande diva da MPB (Música Popular Brasileira) Marisa Monte no ano 1988. Esta cantora, nacida no Rio de Janeiro, é um símbolo para o Brasil. A día de hoxe é un referente tanto polas súas cualidades artísticas como polo seu compromiso co seu pobo.

Criada nunha das cidades máis perigosas do mundo, medrou num ambente musical que, sumado ao seu talento natural, permitironlle comezar unha carreira como cantora desde moi cedo. Nun primeiro momento quixo ser cantora de Ópera, máis o feito de ser seu pai diretor da Escola de Samba Portela e os discos do novo rock brasileiro dos 70, fixeron que mudase definitivamente para a MPB.

A finais dos 80 e comezos da seguinte década aparecen os seus primeiros traballos, nos que se recollen versións de diversos e variados temas, ademáis dos seus propios. Co paso dos anos, aumentará progresivamente a proporción de temas de composición propia nos seus traballos, percorrendo diferentes ritmos e melodías. Nos últimos tempos torna a ollada cara atrás para lembrar as cantigas que escoitou na súa infancia e que, como ela mesmo recoñece, tanto lles debe.

De entre todas as características que posúe hai unha que destaca poderosamente: a súa voz cálida e mortalmente sensual. Con ela logra transmitir emocións superiores, de xeito que calquera acompañamento pasa a ser secundario. Ademáis diso, os seus méritos non acaban ahí, xa que é tamén compositora e ela mesma toca o violao (guitarra) en moitos dos seus temas. Outro punto importante que a axudou na súa carreira foi o enorme acerto á hora de escoller aos seus colaboradores (exceptuando ao Carlinhos Brown).

No terreo máis persoal, a pesares de lograr unha fama case universal, non renega do lugar no que naceu nin evita falar dos seus problemas cando cre que é necesario. Deste xeito, segue apoiando á escola de Samba da que foi diretor seu pai.

Non quero rematar sen mentar que aínda estou traumatizado por perderme o seu concerto na praia de Riazor hai uns cinco ou seis anos cos Tribalistas, sen dúbida un dos seus traballos máis fracos e aínda así máis recoñecidos internacionalmente. Marisa, por favor, volve a Europa xa!

E aquí vos deixo o vídeo de marras, digo,de turno. A diva nos seus comezos, ao redor dos vinte aniños, cantando unha das súas cancións máis coñecidas :

 

Chuzame! chuzame -
Clube dixital

Desde Chuza! salta a noticia dun novo portal adicado á música galega, Clube Dixital. Creado polo selo Falcatruada, anuncia-se como música de balde e ofrece tres temas (o equivalente a un cd promocional) en descarga gratuita de cada un dos grupos que editan disco no selo.

Para comezar, un prato forte: Xosé Manuel Budiño. Sen dúbida un dos mellores e máis recoñecidos gaiteiros deste país, quen, por certo, adica un tema ao Ortegal. De feito, coincidín con el no Festival de Ortigueira de hai 2 anos. Estaba ao meu lado cando ía comezar o concerto de Berrogüetto o domingo (sí, era eu aquel paspán que te miraba raro). Fíxolle unhas fotos ao grupo e perdeuse na maré de xente.

Están dispoñíbeis temas de para todos os gustos: The Homens, Silvia Penide, Xosé Lois Romero... deste xeito pode facerse un cunha boa fonoteca e de paso comprar de vez en cando algún disco. Sorte.

Chuzame! chuzame -
Ollando ao futuro (Fanny+Alexander)

Dicía o diretor de cine Paul Verhoeven que non coñecía ningunha película de ciencia-ficción tratase do futuro, todas tratan do presente. Deste xeito, para falar do que vai vir temos que reparar no que está a suceder agora mesmo. E neste momento están a ocorrer, case sen decatarnos, moitas cousas interesantes.

Se hai unhas semanas falaba da ínclita (famosiña) Iolanda Castiñeiro, coas súas intrigas e conxuras, referíame tamén a ela como precursora ou pioneira da postmodernidade, aínda que fose dez anos despois de poñerse de moda o termo. Non é a única, nin sequera a primeira e sería inxusto referirse só a ela. O longo camiño que leva á nosa cultura desde a aldea medieval á aldea global está cheo de triunfadores, incomprendidos, heroes e mártires. Hoxe vou falar doutro deles.

Xa mencionei anteriormente no blog a Projecto Mourente, un dos pioneiros do pop eléctronico galego. O seu grande éxito "Baixo os eucaliptos" enche e encherá noites de gloria nas romarías do país, sendo especialmente memorable no Naseiro, baixo o ceo estrelado de finais do verao. Nesta ocasión, directamente desde a rede, chega outro traballo de música electrónica: "Finais dos 70, comezos dos 80s" de Fanny + Alexander. Cunha estética moi traballada e calidade abondo como para soar no mítico programa de Radio 3 "Século XXI", o futuro é seu. Son máis que un referente: son a realización dun soño. Comparados con Voces Ceibes e gabados únanimente por crítica e público, só queda esperar que manteñan e evolucionen na mesma liña. O tempo corre ao seu favor.

Agardando impacientemente que actúen en Ohmios (se é que non o fixeron xa), podedes baixar o álbum enteiro desde A Regueifa. E desta vez a descarga non é delito.

Chuzame! chuzame -
Chick Corea e Béla Fleck: The Enchantment

Véño de asistir a un dos concertos máis hipnotizantes que lembro desde que teño memoria. Béla Fleck, un mestre do banjo e o Blue-Grass, e Chick Corea, o pianista de Jazz máis coñecido dese xénero. Trátase polo tanto, dun concerto de música de fusión, ese termo tan de moda e tan mal empregado últimamente.

Debo recoñecer que era un tanto excéptico sobre a mestura resultante antes de ir ao concerto. Xa escoitara algo en Radio 3, que é a única que lle presta atención a este tipo de música, e non estaba moi convencido de que un piano e un banjo puideran arrimarse ben. Deste xeito, comecei a preocuparme cando empezaron e soaron as primeiras e desacordes notas. Por fortuna foi un espellismo, a coordinación foi total en toda a actuación. Os dous xenios conseguiron lograr algo único, un encantamento, que é precisamente o título do disco: The Enchantment.

Como apunte, o concerto estivo dividido en dous actos, de xeito que as tres horas que durou se fixeron máis levadeiras. De feito, moitos nin sequera notamos o paso do tempo.

 Béla Fleck e Chick Corea

Por certo, o escenario da actuación foi no Teatro Circo Price, perto da estación de Atocha (a do 11-M) en Madrid. Este recinto foi creado como Circo na súa orixe. Co paso do tempo, a xente deixou de interesarse por ese espectáculo e, inexplicablemente, en vez de tirar co edificio e construir un bloque de pisos, pasou a ser ser empregado para a música e o teatro. Que desperdício.

Xoves, quinta feira, vén Luar na Lubre por estas paraxes. A ver que tal.

 

Chuzame! chuzame -
Se ti queres

Éste é o vídeo da cantiga 'Se ti queres' do álbum Espido que pertence a un programa de Luar, na TVG. Por suposto, é un play-back como unha catedral. Paréceme triste que a única cadea de televisión en galego na actualidade se adique a facer este tipo de chapuzas, podendo facer retransmitir un concerto en directo a un coste ridículo.

Creo que non é o momento de facerlle críticas desatadas ao ente público, xa que, aínda que arrastra unha pesada herdanza de 20 anos de corrupción e latrocinio vario a costa dos pobres contribuintes galegos, fixo recentemente un grande esforzo por mellorar. Aínda queda moito, mais creo que se vai na boa dirección: programas de calidade. Queda moito camiño por recorrer, máis os primeiros pasos xa están dados. Hai que ter fe no futuro.

Mentres tanto, podedes desfrutar dos concertos enteiros de Berroguetto 'Live in Arzua' e a presentación do disco '10.0' en Compostela tanto no emule coma no canal internacional da TVG. Se o que non se conforma é por que non quere!

Chuzame! chuzame -