
Con esta portada inauguro unha nova sección do blog que algúns botaban en falta: Ciencia Ficción (abreviado SciFi ). A ilustración que aparece pertence á edición do ano 2000 da novela San Leibowitz y la mujer caballo Salvaje, continuación de Cántico por Leibowitz. O motivo de escoller esta pouco coñecida obra para comezar a sección é o impacto que me causou a súa lectura.
A acción destas obras desenrólanse nun universo creado por Walter R. Miller Jr., ex-piloto ianqui que participou no famoso bombardeo do mosteiro benedictino de Montecassino en Italia durante a segunda guerra mundial, feito que ten relación cos temas tratados nestas novelas. A entrada é clásica: despois do colapso da civilización tras unha hecatombe nuclear, todas as institucións caen, excepto unha: a igrexa católica. A existencia dunha organización que reúne fé e unha xerarquía sólida permite conservar fragmentos do coñecemento antigo nas máis difíciles situacións de barbarie e penuria, como xa sucedera na época da caída do Imperio Romano.
A partir de aquí nárranse as historias e que teñen como eixo un mosteiro benedictino situado nas montañas rochosas de Norteamérica en diferentes etapas históricas que replican a historia actual da humanidade con variacións moi coidadas. O primerio volume desenrólase en tres actos, recopilación de tres novelas curtas desenrólase en tres periodos de tempo diferentes: a Alta Idade Media, xusto despois da morte do fundador do mosteiro por un xudeu converso, que será o futuro San Leibowitz; o fin da Alta Idade Media e a Idade Contemporánea, no que a humanidade volta a estar ao borde da desaparición. O modelo de historia cíclica que se repite continuamente é un dos temas claves que se tratan. O tempo da segunda novela sitúase inmediatamente despois do segundo relato do primeira novela, que poderiamos considerar os comezos da Idade Moderna.
O mosteiros benedictinos son pertencentes á orde de San Bieito (Benito en castelán), que foi o primeiro ao que se lle ocorreu a idea en Europa de que os monxes podían montar o seu propio chiringuito e valerse por si mesmos sen ter que ir mendigando o pan por ai, que era o máis normal por aquel entón, polo século V. Bieito atopoba despreciabeis as costumes dos seus colegas e por esa razón redactou unha serie de normas estrictas que regulaban o funcionamento interno dos mosteiros e o comportamento dos seus membros. Esas normas reciben o nome de Regra de San Bieito e profundizar nelas será motivo de outro post máis adiante. A idea xeral que se extrae é principalmente a obediencia ao abade, quen debe consultar os seus asuntos coa congregación para tomar decisións. O actual Papa, Benedicto XVI declárase seguidor das ensinanzas de San Bieito, feito polo cal tomou del o seu nome, xa que Benedicto é a forma culta de Bieito.
O espírito da regra impregna toda a obra, de xeito que lle da un aire místico que resulta innovador para as habitualmente frías e científicas disquisicións do xénero. Os temas clásicos como a morte, a enfermidade, a inevitabilidade dos acontecementos e a loita polo poder son tratados un punto de vista pouco habitual no que o protagonista non é máis que un mero de espectador. Tal vez por iso un non pode deixar de pasar as páxinas, sumerxido nunha narración tan realista que parece que vas ter que cuspir a area do deserto polo que camiñan os personaxes.
A atractiva portada da edición en castelán, cunha caravana do deserto coa basílica de San Pedro ao fondo permite ao posível lector facerse unha imaxe do que vai atopar. Pola temática do libro, encádrase máis no xénero de ficción especulativa que no da ciencia ficción clásica, aínda que a barreira entre os dous xéneros sempre foi moi feble.
Unha lectura aconsellada a todo o mundo, aínda aos non iniciados, que invita a reflexionar.
chuzame -