Archive for the 'Crónica' Category
A Batalla por Wesnoth

Battle for Wesnoth (ou Legend of Wesnoth) é un xogo de estratexia por turnos multixogador gratuito (de código aberto) que me ten enganchado desde hai xa uns meses. Hai versións para Windows, Linux e Mac e manténse grazas ás aportacións da comunidade de usurios. Se algún usuario quere aportar algo, simplesmente o envía e, se o resto de usuarios o acepta, aparecerá na seguinte versión do xogo, que se pode descargar desde a súa páxina oficial: A Batalla por Wesnoth.

O sistema de xogo consiste nun mapa composto por casas hexagonais no que se colocan as pezas do usuario e do contrincante (elfos, cabaleiros, orcos, meigas, feiticeiros...), que teñen uns valores de ataque e defensa. Os xogadores teñen que desplazar as pezas por ese taboleiro co fin de atacar ou escapar das do contrario. Existen moi diferentes mapas e diferentes personaxes, así como historias que enlazan eses mapas, polo que o desenrolo do xogo faise moi entretido.

Existen moitos vídeos na rede nos que se poden apreciar fragmentos do xogo. Aquí está un trailer ficticio realizado por un usuario:

 Outro feito importante é que os textos están en galego e calquera pode colaborar na traducción. Deste xeito, o xogo faise moito máis ameno e enxebre. Parabéns ao equipo de traducción  formado por Leandro Regueiro e ao proxecto Trasno en xeral pola súa contribución a que todos poidamos disfrutar desta obra de arte na nosa língua.

Chuzame! chúzame -
Lectores de tinta electrónica: xa están aquí

Foto do meu Sony reader

Pois iso que se vé na imaxe superior é un lector de tinta electrónica, concretamente un Sony Reader PRS505, nunha foto que tirei no meu traballo co móbil, o que explica a calidade.

Que é un lector de tinta electrónica? Seguro que moitos xa coñecederes os libros electrónicos ou dixitais (PDF). O problema ata o momento era que a lectura nunha pantalla (écran) era pesada e molesta debido á retroiluminación, isto é a pantalla é unha fonte de luz que molesta a vista. A tecnoloxía da tinta electrónica soluciona este problema: a pantalla xa non emite luz, simplemente modifica o seu contido.

A pantalla dun lector con esta tecnoloxía está composta por millóns de células que cambian a cor ao paso dunha corrente eléctrica (polarización). Deste xeito lógrase un efecto similar ao dunha folla de papel, coas ventaxes que ofrece un dispositivo electrónico:

  • Pode almacenar milleiros de páxinas nun espazo moi reducido (o grosor medio dun lector non supera o centímetro).
  • Ten capacidade para arquivar e ordear os textos na orde que nos pete. A nosa biblioteca ordenada ao alcance dun click na palma da man.
  • Podemos gardar os marcapáxinas sen medo a perdelos.
  • Ten moi baixo consumo de enerxía, que se mide en saltos de páxina. Unha simples carga abonda para poder pasar milleiros de páxinas.
  • Os modelos máis avanzados incorporan unha pantalla táctil, moi práctica para suliñar, sinalar e facer garabatos.

Mais, coma sempre, non todo son ventaxas:

  • Pasar de páxina lévalle case 1 segundo. Realmente insignificante para a maior parte dos usuarios, resulta algo molesto para os usuarios esixentes.
  • Non existe unha gran variedade de títulos para estes cacharros aínda. Os usuarios avanzados empregan sistemas para convertir arquivos para solventar esta eiva, mais moitos títulos non están soportados e non se poden ler nestes aparatos.
  • O prezo é, de momento, excesivo: 300€ os modelos básicos e 600 os de gama media. Compre esperar que os prezos baixen nun futuro próximo.

A tecnoloxía está polo de agora en pañais, comezando a gatear. Nun futuro próximo haberá cada vez máis lectores con mellores prestacións, conforme se asente o mercado. Eu xa lle estou sacando partido ao meu, empregándoo para ler libros técnicos e tutoriais, outra xente emprégao para novelas e ensaios.

Pouco a pouco, o mundo avanza.

Chuzame! chúzame -
A guerra eterna

Escrebo este texto un día despois de que unha persoa, un simple militante dun partido político, fose asasinada en Euskadi polas súas ideas e pola súa orixe, diferente da dos seus asasinos. Unha vez máis o odio e a xenofobia voltaron triunfar: a guerra eterna continúa.

Non é raro atopar cartaces e panfletos nas rúas de Madrid, e de outras cidades, con alusións extremadamente xenófobas e racistas que non vou reproducir. As pelexas e mortes entre membros de diferentes colectivos étnicos son habituais e xa non son case noticia excepto para contar o número de víctimas. Cal é a diferencia co anterior? No caso vasco trátase de violencia organizada, e, o peor de todo, ten o amparo dunha ampla base social que a alimenta. Esa base social está composta maioritariamente por milleiros de persoas que levan unha vida normal, estudantes e traballadores que se levantan cada mañá para realizar as súas tarefas e que teñen que convivir con outras persoas que non comparten a mesma visión do mundo ca eles. E vano seguir facendo.

Ao mesmo tempo do crime, houbo varios atentados con decenas de mortos noutras partes do mundo, máis éses, afastados e alleos, non afectan do mesmo xeito aquí e agora. Aínda que son igual de reais. E van seguir ocorrendo.

Estou convencido de que nos espera un futuro de paz e prosperidade en todo o mundo, mais, para logralo, queda aínda moito por traballar.

Chuzame! chúzame -
Introducción ao reintegracionismo (e III). Conclusión.

Éste é o último artigo dunha serie que acadou unha modesta repercusión no Blogomillo. Quérolle agradecer a Cleoninha que me ligara o primeiro post da serie nun comentario de Chuza, aínda que fora por motivos persoais. Cleo, sei que me estás lendo: obrigadinho.

Sobre o tema lingüístico galego leva moito tempo sendo motivo de controversia na sociedade. Talvez, demasiado. Temos, quizabes, exceso de lingüistas e falta de todo o resto. Ou talvez sexa unha característica propia á que non podemos escapar. De feito, temos ata unha lei na rede, a coñecida Lei de Berto enunciada polo creador de Chuza!, que ilustra moi ben a situación na que nos atopamos.

Existen argumentos a favor e en contra das dúas posicións, e non se deberían censurar os argumentos de ningunha delas, senón mirar cara adiante. Persoalmente, vexo dous criterios principais:

  • O reintegracionismo leva anos sendo excluido e proibido de xeito autoritario e tendencioso polo poder e os medios de comunicación, e aínda así segue existindo e incluso medrando. A sociedade galega debe deixar de darlle as costas e, polo menos, intentar escoitar.
  • A norma RAG é actualmente a máis aceptada pola sociedade e permitiulle á língua acadar un prestixio que só há vinte anos atrás era un soño lograr. É a base de moito traballo realizado que non se pode perder.

Na actualidade, a nosa língua está sufrindo ataques por parte de grupos de presión casposos apoiados por unhas bases gregarias e ovelleiras e uns medios de comunicación xa habituados a prostituirse. O único que nos queda é apoiarnos, compartir ideas, escoitar e non deixar de ser fieis a nós mesmos.

A nosa cultura ten un lugar no presente, e terá un lugar na mestizaxe do futuro.

Chuzame! chúzame -
Dicionario de Madrileño

Antes da segunda parte do meu artigo sobre o reintegracionismo, vou facer un breve inciso. Levo xa seis mesiños en Madrid (en galego debía ser Madrí) e debo admitir que aínda teño dificultades co idioma. É difícil de crer, máis é certo: o madrileño é unha variante do español normalizado case imposíbel de entender, e moito menos de intentar falalo.
Como resultado dos meus tremendos esforzos para poder relacionarme cos nativos fixen unha pequena listiña de palabros que me son imprescindíbeis na miña vida cotidiá:

  • Truño: Dise de algo que está mal feito dos pés á cabeza, e ademáis é feo.
  • Ñapa: Calquera cousa que haxa que facer para que un truño cumpra a súa función, independentemente das consecuencias que poida traer. No futuro será unha das poucas palabras do dicionario que comezará por esa letra.
  • SuperPro: Do bo o mellor e do mellor, o superior.
  • Restaurante: Lugar onde podes adquirir un prato de lixo a un prezo exorbitado. Isto é, fora de órbita.
  • Cubata: Derivado do garrafón que se sirve en establecementos públicos. Non apto para consumo humano.
  • Sala de concertos: Habitáculo habitualmente non superior a 15 metros cadrados destinado a facerlle perder á poboación o gusto pola boa música.
  • Piso: Parte dun edificio construido con papel e sucedáneos de cartón.
  • Provinciagh: Territorios conquistados e sometidos á vontado dos súbditos da capital.
  • Capital: En Egpaña, dise dunha cidade que o único mérito que fixo para merecer ese título é estar no centro xeográfico do territorio.
  • Galicia: Lugar natal del marigco y log percebeg

Como vedes, algúns destes termos existen tamén no galego con diferente significado.
Para rematar aquí tendes outro trapo, perdón, símbolo, que adorar:

Bandeira Madrid

Chuzame! chúzame -
O perigos do localismo. Cariño e Ortigueira

Ponte entre Cariño e Ortigueira

O habitual nestes tempos desde os medios de comunicación é queixarse do demo do nacionalismo. Os que se queixan diso moitas veces non reparan na súa propia cegueira nacionalista, botando as pestes sobre os que non comparten a súa visión do mundo. Non é o único ismo que molesta, o imperialismo, o feminismo, o colonialismo e unha longa serie de ismos, que son a sal da vida tanto para ben como para mal, encabezan a lista de males para os talibáns sempre presentes grazas aos medios de comunicación de masas que nos impoñen.

Un dos ismos dos que menos se fala é o localismo. É un fenómeno universal, sen dúbida, máis ten unha grande presenza na nosa comunidade/país/nazón/rexión periférica (que cada un escolla o que mellor lle cadre). Todos os galegos do rural somos localistas por natureza e temos tendencia a pensar que a nosa aldea ou vila é a mellor deste universo. A xente dos lugares viciños é o inimigo e está en contra nosa incondicionalmente. Deste xeito todos as vilas viven en perpetuo enfrontamento cos seus viciños, provocando numerosos enfrontamentos innecesarios e unha perda de visión global que os empobrece recíprocamente.

O nível máximo de rivalidade dáse entre as dúas cidades de maior poboación: A Coruña e Vigo, máis é extrapolavel a todo o conxunto da sociedade galega. Sería moi fácil facer una comparación entre o localismo e nacionalismo desde un punto de vista abstracto, mais o resultado sería moi subxectivo. A realidade é que o galeguismo, ou nacionalismo galego, surxiu como resposta entre outros a ese problema e foi a única ideoloxía que ofreceu solucións, como un sentido de unidade, a ese problema.

Desde a comarca do Ortegal, o perxuízos son evidentes. Ubicada no extremo noroccidental da provincia da Coruña, entre as comarcas da Mariña, o Eume e Ferrolterra, a súa situación estratéxica convírtena en teoría nun dos lugares con maior futuro e proxección da Unión Europea. O futuro dirá se se cumpren esas expectativas ou non.

A historia desta comarca, delimitada polo contorno das rías de Ortigueira e do Barqueiro, vén marcada por unha vila principal, Ortigueira, a vila. A orixe deste topónimo remóntase á época da dominación romana, polo que históricamente é a cabeceira da comarca ata hoxe. Desde sempre, a Administración situou as súas dependencias alí, e os notables (médicos, avogados, etc.) estableceron no casco urbán a súa residencia.

Non sendo unhas terras especialmente fértiles e doadas de cultivar, a marxe occidental da ría de Ortigueira non despuntou ata a época da industrialización, aló por finais do século XIX. Nesa época varios fabricantes de conservas de peixe, maiormente de orixe catalana, asentáronse nos arredores do porto do lugar de Cariño. Foi a partir de entón a aldea se transformou en vila e medrou ata converterse nun dos centros industriais do norte de Galiza.

Na primeira metade do século XX, Cariño representaba para os seus a industria e o progreso, mentres que Ortigueira quedaba atrasada no antigo réxime feudal e agrario. É entón cando aparece entre a xente de Cariño a idea de segregar se das poutas de Ortigueira co fin de evitar o desvío de recursos cara a cabeceira de comarca. Naturalmente, isto provoca inmediatamente da élite da vila, aínda que á maior parte da poboación non lle importe o máis mínimo. Hai que lembrar que durante o antigo réxime, é dicir ata a chegada da democracia actual, o pobo case non tuvo posibilidade de decidir, unha inercia social que en moitos lugares chega ata hoxe.

Despois sucédense os episodios escuros da Guerra Civil e a ditadura. Durante a guerra, cidadáns de Cariño intentaron tomar pola forza Ortigueira, que apoiaba aos rebeldes franquistas e ao fracasar o povo sufriu as consecuencias da represión posterior. Esta represión, que afectou indiscriminadamente a moitos inocentes, aumentou o odio entre as dúas beiras de xeito que, cando se chegou á democracia, Cariño foi o primeiro concello galego en segregarse e independizarse por vías democráticas, no ano 1989.

A día de hoxe, os dous concellos están case totalmente aillados un de outro. A marxe oriental sometida a unha ditadura totalitaria do seu amo e señor, o famoso e televisivo ex-alcalde de ortigueira, dono da única industria e de case todo concello. A marxe occidental, pola contra, veuse sometida aos rigores da reconversión industrial de finais do século XX, co sucesivo despovoamento e desindustrialización. As dúas vilas sufren neste momento o boom da construcción na costa, desnaturalizando o entorno e chegando ao derribo de edificios históricos para construir bloques de apartamentos, na súa maior parte baleiros todo o ano.

A pesar desta desgarradora historia, non todo é odio e rancor entre as dúas beiras. Durante todo este tempo houbo numerosas iniciativas nas que colaboraron persoas que intentaron construir e sumar esforzos polo ben común. Unha das máis antigas é a construcción dunha ponte que unise as dúas marxes da ría. Houbo varios proxectos nos anos 70 e 80 do pasado século, máis, debido en boa medida á segregación, quedaron no esquecemento. Aínda así non me resisto a expoñer unha listiña dos seus aspectos positivos desa obra:

 

  • O custe das pontes mariñas é inferior en moitos casos ás terrestres. Non sería en ningún caso excesivo para as sempre mermadas arcas públicas.
  • O impacto ambiental dunha ponte é sempre reducido e incluso benefecioso en determinados casos. A inclusión da ría de Ortigueira nun espazo de especial protección da natureza non debería ser obstáculo.
  • Acurtando o traxecto entre as dúas vila aforraríase combustível nos desplazamentos, co conseguinte beneficio ecolóxico. Eses 20 km. que há hoxe poderían quedar en menos de 5.
  • Facilitaría o tránsito dos peatóns de dos ciclistas, que disporían dun novo espacio ao ar libre. Sen dúvida, serviría para facer máis atractivo prescindir do automóvil nos desprazamentos curtos.
  • Sería, necesariamente, outro atractivo turístico. E, sobre todo, algo para que disfrutara a xente do lugar todo o tempo.

Na parte superior do post, coloquei unha ponte debuxada por encima dun mapa de satélite. Agora non deixa de ser unha broma, máis no futuro, talvez, poida ser unha realidade. As pontes unen e non podo evitar mencionar aquí a dos amigos meus, él da Pedra e ela de Cuiña, cada un da súa beira, que van casar este verán. A eles dous van adicadas todas estas liñas.

Chuzame! chúzame -
A caída das fronteiras

Vigo

Ésta é unha foto roubada de Vigo, unha cidade fronteiriza para min recén descuberta, e que me parece máis interesante pola xente que polos edificios. Aínda que ten boas construccións, as menos, é dun caos interno temível. Tráfico abafante e horror urbanístico, coa maior poboación e o maior crecemento económico do país, a pesares de non ser nin capital de provincia e contar cun sector público mínimo. Deste xeito, o resto de cidades galegas só poden vela con ciumes.

Coa caída das fronteiras, abren-se novas posibilidades. Caída virtual, pois por desgraza, as fronteiras económicas seguen aínda en pé e incordiando. Mais, pouco a pouco e case sen decatarnos, algo vai mudando. Asociacións que reclaman a unidade da língua, trens de alta velocidade (de dobre liña) en breve e a xa habitual viaxe de miles de galegos á feira de Valença, fan que se abra un futuro de mudanzas sociais que non se poden evitar. Aínda que poñan todos os medios para facelo.

Para rematar, hoxe é fin de ano e mañá entraremos de pleno no 2008. Lixeiras modificacións no aspecto externo do blog, e unhas cantas ligazóns eliminadas. Agora todos os álbuns están, e estarán polo menos durante un ano, en 23hq, de xeito que desaparecen as que estaban espalladas por varios servidores.

Feliz ano!

Chuzame! chúzame -
As palabras que voan no vento

Estamos no outono, tempo de nostalxia e melancolía, e tempo para botar unha ollada atrás e facer memoria de todo o acontecido en todo o ano. Do bo e do malo, e do que se pode mellorar. Escrebo todo isto mentres escoito o poema de Maria Lado con música de Fanny+Alexander que podedes atopar na web da Regueifa, unha auténtica delicia.

Unha grande parte da literatura galega, como de outras línguas minorizadas, é poesía. O motivo de que sexa así é o mesmo que fai que a xente siga a falar o idioma: o sentimento. Deste xeito, como dicía Carlos Casares, un pode ter lazos sentimentais que o vencellen a unha língua, como sucede cos lugares e coas persoas. E un pode aferrarse as eses lazos.

O vídeo de hoxe é algo máis longo do habitual. Tenta ilustrar todos os tópicos sobre a língua galega, incluido o que acabo de falar. Tanto o contido como a factura visual son óptimos, polo que vos recomendo encarecidamente velo. Pulsando sobre o botón de Google Video, podedes ir á páxina onde descargalo a calidade boa.

 

Chuzame! chúzame -
Por que un dominio galego?

Desde hai un tempo comezou unha campaña para lograr ter un dominio propio en internet para a cultura galega. Desde o primeiro momento logrou o apoio de numerosas institucións tanto públicas como privadas de dentro e fora de Galiza, ademáis dun elevado número de apoios individuais, considerando o precario dos accesos privados á rede no país. Despois do éxito alcanzado na campaña polo .cat, sería normal que ao fin se lograse o obxectivo.

Os motivos de ter un dominio propio en internet non a necesidade de diferenciar e promover a cultura galega no ámbito universal. A candidatura logrou o apoio dos tres grupos políticos no parlamento galego, polo que non é un tema político que divida á xente. Todo galego se sinte identificado coa súa cultura, a súa terra, a súa fala e, tamén, polos seus símbolos. As referencias ao noso entorno non poden estar encadradas simplemente nun ámbito español (.es) ou europeu (.eu), senón que precisan de algo que os identifique de por sí: unha marca propia. As organizacións, empresas e demais entidades propias deben ser recoñecidas por ese selo, ao igual que calquera producto de calidade leva unha denominación de orixe. Como escrebera Castelao fai tempo: "Somos españois porque somos galegos, se non fosemos galegos non seríamos nada".

E para suliñar todo o que acabo de esbardallar, aquí tendes este vídeo do Courel con música de Luar na Lubre, que anda polo medio millón de visitas no YouTube:

Chuzame! chúzame -
Caso Aduaneiros: guerra de informacións

Acabo de ler o 2º comunicado dos Aduaneiros, polo que deduzo que entramos nesa fase tan habitual nas guerras mediáticas que son os intercambios de comunicados entre as dúas partes co fin de confundir ao público. Podemos asistir a este lamentável e inevitável espectáculo case a diario nos máis diversos medios de comunicación de todo o mundo cando dúas partes entran en conflicto. Neste comunicado, escrito en perfecto galego reintegrata, como ven sendo habitual nos Aduaneiros, acúsase directamente á ex-diva de mintir e inxuriar aos creadores do portal dándose por vítima, cando son eles os perxudicados. Tamén se sinala que o peche foi debido a non querer entablar unha batalla xudicial, ao ser Aduaneiros un proxecto sen ánimo de lucro e non ter recursos abondo para manter un avogado lambón.

Sempre é difícil tomar parte por un bando dun xeito razonable e obxectivo, xa que sempre se tende a ter máis en conta os lazos sentimentais. Máis, a estas alturas, a sociedade galega, sobretodo a que se informa a través da rede xa sabe que a ex-diva é unha simples oportunista, que non procura outra cousa que a propaganda gratuita. Está a empregar os seus recursos e, ao estilo de certa emisora episcopal, xa saíron os seus amigos mediáticos a meter baza no seu favor. Non lembraron facelo hai un ano cando se publicou o conto.

O resultado de todo isto, á marxe das consecuencias personais para os implicados, é que o blogomillo se queda outra vez sen un dos seus puntais, como xa pasara coa extinta va-ca e outros máis. O enorme dinamismo da rede galega ten como contrapartida a febleza do seu entramado. En fin, pouco a pouco, haberá que ir medrando.

Mentres tanto, hoxe vou ir a un concerto do grupo de Black Metal Crying Blood, no que toca un colega meu do choio. Sí, é o que ten a cabeza pelada nesta foto:

Crying Blood

Chuzame! chúzame -