Archive for the 'Crónica' Category
Crónica do Festigal e das festas de Santiago

Este post é un tanto persoal, así que quedades avisados...

O pasado día 25 foi o Día da Patria Galega, Día de Galiza... e tamén o antigo patrón de España, o apostol Santiago.  Certamente unha data moi cobizada. Para celebralo, quedei cuns colegas na capital do pais, Compostela. Chegei despois de pasar toda a noite no bus desde Madrid (no tren non habia prazas e avión é demasiado caro para alguén que volta cada 15 días).

Estivemos percorrendo a cidade, insertámonos no medio da manifa, introduxemos a un madrileño, compañeiro noso, no nacionalismo galego e ata atopamos un profesor xaponés de socioloxía que estaba a facer un traballo sobre nacionalismo e que nos falou do seu país. Ademáis tamén asistimos aos concertos do Festigal, organizado moi dignamente... e incluso estivemos na caseta da UPG (medo!).

Outro punto forte do día foi para min coñecer á xente de Chuza! o portal galego de novas colaborativas do que xa teño falado, así como a xente de Vieiros, Gznación e outros medios de consulta habitual. Foi todo un pracer, aínda que espero poder falar con eles en outra ocasión en mellores condicións. En resume, un día redondo.

Roubolle esta foto do blog do encontro a Ghanito:

Ghaiteiros

Chuzame! chuzame -
A fervenza da Pedra

A Fervenza da Pedra

Esta foto pertence a unha fervenza que forma o río Lourido e que está oculta para a maior parte da xente pola maleza que a rodea. O estado de abandono no que se atopa a maior parte da Parroquia provocou que o acceso a esta marabilla da natureza sexa impracticábel. O lado positivo dese abandono é que permitiu conservalo ata agora intacto.

O río Lourido transcurre ao longo de varios kilómetros e na súa totalidade pola parroquia da Pedra no Concello de Cariño. Noutro tempo tiña un caudal moito maior que o actual, sobretodo na súa parte baixa, a  traída de augas para o suministro de case todo o concello  e o cultivo masivo de eucaliptos tiveron a culpa e a día de hoxe é algo de difícil solución. De todos os xeitos, o estado do río está lonxe de ser un desastre absoluto e ofrece moitas perspectivas para ser recuperado a medio e longo prazo, se as condicións o permiten.

O caer e decorrer da auga é un dos espectáculos máis simples e cautivadores que nos ofrece a natureza. Nas nosas mans está saber aprecialo e conservalo para poder gozarmos nós e os que veñan despois de nós.

Chuzame! chuzame -
No festival de Ortigueira

Tamén chamado do Mundo Celta outros anos. Como é ben sabido, é o festival de música celta máis importante do Sul de Europa e un dos máis importantes de mundo. Este ano vive un momento de consolidación: despois do crecemento exponencial dos últimos dez anos, agora ten menores pretensións aínda que manteña o nível de calidade nas actuacións. 100.000 persoas  eran demasiadas para unha vila como Ortigueira que conta en todo o ano con pouco máis de 1000 habitantes no núcleo urbano e este ano conta máis ou menos con 60000, que non son poucos.

Para todos os que disfrutamos coa música propia do país e das nosas culturas irmás é, sen dúvida, o acontemento musical do ano. Para outra xente é a convivencia na praia ou a o simples divertimento, máis o núcleo do Festival son as actuacións. Deste xeito, grupos musicais dos paises celtas (Escocia, Irlanda, Illa de Man, Cornualles, Bretaña, Galiza e Asturias, é dicir nacións sen estado cunha presenza cultura forte) comparten escenarios durante 4 días para disfrute dos visitantes ao festival.

Este ano a grande atracción foi o venres, sexta. A orquestra 'Sondeseu', composta por músicos de diferentes formacións galegas de primeira orde acompañados por intérpretes de instrumentos tradicionais fixeron vibrar ao público, que ficou sorprendido pola arrolladora forza desa fusión. Ademáis deles, outros grupos xa tradicionais como Fía na Roca ou os irlandeses Lonely Hearts fixeron disfrutar a todo o público presente. Para hoxe, domingo, o plato forte son os irlandeses The Dubliners, ademáis da cantora  tradicional Uxía.

Para os que non puidestedes vir, aquí vos déixo un vídeo de Sondeseu.

Chuzame! chuzame -
A Comunidade de Montes da Pedra

Este pasado venres, sexta feira, apareceu un pequeno artefacto explosivo diante da furgoneta de meu pai destinado a darlle un bo susto e quizabes rebentarlle o seu medio de traballo. Foi descuberta por casualidade e a meu pai deulle tempo a ver o coche do cativo (levaba a L) ao que lle pagaron por colocalo. Ao final, a botella de amoniaco con aluminio (de momento pensamos que só ten iso) quedou nas mans da Garda Civil e todo quedou nunha anécdota que lembraremos rindo no futuro.

Como se chegou a isto? Ben, meu pai está coordinando a Plataforma pola Defensa dos Montes da Pedra que emprega todos os medios legais e democráticos para tentar botar do poder aos caciques da parroquia. Estes personaxes levan aproveitándose dunha institución asemblearia que ten séculos de existencia para o seu propio beneficio e chegoulles a hora de irse. E como están tan mal acostumados, agárranse canto poden.

Pagarlle a un imbécil para que coloque un artefacto explosivo nun auto dunha persoa que non comparte as túas opinións é un acto própio de terroristas. Pode parecer de riso, mais a mestura de amoniaco e aluminio é a base do amonal, o explosivo máis empregado por ETA, o IRA e outros da súa calaña. Houbo xente que levou un disgusto moi serio por andaren xogando con esas cousas.

Confiemos en que a situación volva á cordura e á normalidade. Por parte da Plataforma, podo dar a seguridade absoluta de que non se van tomar represalias do mesmo xeito e en ningún caso se empregará a violencia para tentar resolver o conflito. Nós venceremos... e convenceremos.

Chuzame! chuzame -
Língua e corazón

"Se lle falas a un home nunha língua que el entenda, chegarálle á súa cabeza. Se lle falas na súa língua, chegaráslle ao corazón."

Nelson Mandela, primeiro presidente democrático de Sudáfrica

Despois de pasar 27 anos da súa vida no cárcere e levar unha vida miserábel por defender os dereitos da súa xente, Nelson Mandela foi elixido presidente do seu país nas súas primeiras eleccións verdadeiramente democráticas nas que todo o mundo puido votar libremente. Durante o seu mandato levou a cabo unha política de reconciliación que permitise superar as diferenzas entre o seu povo.

Non sempre o racismo, ou a xenofobia, que é o mesmo, se refiren a un aspecto físico como a cor da pel ou dos ollos. Ás veces presenta unha forma relixiosa ou cultural. Por exemplo, o réxime fundamentalista iranés (do Irán), ou a os intocavéis da India. Mais, en todos os casos baséase no mesmo: a supresión dos que son e/ou queren ser diferentes. É algo habitual no ser humano de todas as partes do mundo.

Deste xeito, nestes últimos anos os galegos estamos experimentando unha mudanza no xeito de interpretar a discriminación á que habitualmente estabamos sometidos. Durante os últimos séculos, o costume era que a clase superior, que podía permitirse a educación, empregase o galego, deixando o galego para as clases baixas. Nunca, ata o derradeiro terzo do século XX, se fixo ningún esforzo por alfabetizar masivamente á poboación, ao estilo da Rusia zarista que conduxo á brutal revolución. Neste ambente o galego conservouse doadamente, porque era útil á élite e ao que quería acercarse a ela: marcaba a diferencia.

Co paso do tempo chegaron os avances e tamén a universalización do ensino. Só cando foi estrictamente necesario e séculos despois de que fose habitual no resto de paises europeos. Dá mala imaxe ser un emigrante analfabeto en Europa. Iso implicaba un cambio de estratexia. O autoritarismo dá paso ao xacobinismo: a creación dun estado centralista forte baseado na supremacía dunha cidade capital que limita o desenrolo das rexións e impide que a poidan superar en calquera aspecto. Agora o galego xa non é necesario, é un obstáculo para a uniformidade que os grupos de poder consolidados pretenden impoñer para o seu benefício: o pensamento único.

Estamos vivindo o final da transición entre a primeira e a segunda etapa. O clasismo está desaparecendo en favor da intolerancia e o desprezo a unha cultura considerada inferior e, algo moi propio dos tempos, pouco competitiva. Substitúese o sentimento pola cobiza e a competencia cega. Deste xeito, as emisoras que antes falaban de relixión agora fano de economía, co fin de desinformar co que lles interesa a eles.

Noutra banda, a xente que loitou e loita por preservar, coidar e difundir a nosa cultura ve recompensados os seus esforzos polo incremento no prestixio da língua e cultura que defenden, mais tamén se ve defraudada pola ausencia de medios de comunicación propios e pola continua emigración da élite cara a as rexións máis beneficiosas económicamente, que leva anos desangrando o país.

Os que defendemos a discriminación positiva do galego só queremos conservar a nosa língua, que é a nosa herdanza. Non pretendemos suprimir o castelán nin ningunha outra língua, só evitar que desapareza a nosa.

E lográmolo día a día.

Chuzame! chuzame -
A Batalla por Wesnoth

Battle for Wesnoth (ou Legend of Wesnoth) é un xogo de estratexia por turnos multixogador gratuito (de código aberto) que me ten enganchado desde hai xa uns meses. Hai versións para Windows, Linux e Mac e manténse grazas ás aportacións da comunidade de usurios. Se algún usuario quere aportar algo, simplesmente o envía e, se o resto de usuarios o acepta, aparecerá na seguinte versión do xogo, que se pode descargar desde a súa páxina oficial: A Batalla por Wesnoth.

O sistema de xogo consiste nun mapa composto por casas hexagonais no que se colocan as pezas do usuario e do contrincante (elfos, cabaleiros, orcos, meigas, feiticeiros...), que teñen uns valores de ataque e defensa. Os xogadores teñen que desplazar as pezas por ese taboleiro co fin de atacar ou escapar das do contrario. Existen moi diferentes mapas e diferentes personaxes, así como historias que enlazan eses mapas, polo que o desenrolo do xogo faise moi entretido.

Existen moitos vídeos na rede nos que se poden apreciar fragmentos do xogo. Aquí está un trailer ficticio realizado por un usuario:

 Outro feito importante é que os textos están en galego e calquera pode colaborar na traducción. Deste xeito, o xogo faise moito máis ameno e enxebre. Parabéns ao equipo de traducción  formado por Leandro Regueiro e ao proxecto Trasno en xeral pola súa contribución a que todos poidamos disfrutar desta obra de arte na nosa língua.

Chuzame! chuzame -
Lectores de tinta electrónica: xa están aquí

Foto do meu Sony reader

Pois iso que se vé na imaxe superior é un lector de tinta electrónica, concretamente un Sony Reader PRS505, nunha foto que tirei no meu traballo co móbil, o que explica a calidade.

Que é un lector de tinta electrónica? Seguro que moitos xa coñecederes os libros electrónicos ou dixitais (PDF). O problema ata o momento era que a lectura nunha pantalla (écran) era pesada e molesta debido á retroiluminación, isto é a pantalla é unha fonte de luz que molesta a vista. A tecnoloxía da tinta electrónica soluciona este problema: a pantalla xa non emite luz, simplemente modifica o seu contido.

A pantalla dun lector con esta tecnoloxía está composta por millóns de células que cambian a cor ao paso dunha corrente eléctrica (polarización). Deste xeito lógrase un efecto similar ao dunha folla de papel, coas ventaxes que ofrece un dispositivo electrónico:

  • Pode almacenar milleiros de páxinas nun espazo moi reducido (o grosor medio dun lector non supera o centímetro).
  • Ten capacidade para arquivar e ordear os textos na orde que nos pete. A nosa biblioteca ordenada ao alcance dun click na palma da man.
  • Podemos gardar os marcapáxinas sen medo a perdelos.
  • Ten moi baixo consumo de enerxía, que se mide en saltos de páxina. Unha simples carga abonda para poder pasar milleiros de páxinas.
  • Os modelos máis avanzados incorporan unha pantalla táctil, moi práctica para suliñar, sinalar e facer garabatos.

Mais, coma sempre, non todo son ventaxas:

  • Pasar de páxina lévalle case 1 segundo. Realmente insignificante para a maior parte dos usuarios, resulta algo molesto para os usuarios esixentes.
  • Non existe unha gran variedade de títulos para estes cacharros aínda. Os usuarios avanzados empregan sistemas para convertir arquivos para solventar esta eiva, mais moitos títulos non están soportados e non se poden ler nestes aparatos.
  • O prezo é, de momento, excesivo: 300€ os modelos básicos e 600 os de gama media. Compre esperar que os prezos baixen nun futuro próximo.

A tecnoloxía está polo de agora en pañais, comezando a gatear. Nun futuro próximo haberá cada vez máis lectores con mellores prestacións, conforme se asente o mercado. Eu xa lle estou sacando partido ao meu, empregándoo para ler libros técnicos e tutoriais, outra xente emprégao para novelas e ensaios.

Pouco a pouco, o mundo avanza.

Chuzame! chuzame -
A guerra eterna

Escrebo este texto un día despois de que unha persoa, un simple militante dun partido político, fose asasinada en Euskadi polas súas ideas e pola súa orixe, diferente da dos seus asasinos. Unha vez máis o odio e a xenofobia voltaron triunfar: a guerra eterna continúa.

Non é raro atopar cartaces e panfletos nas rúas de Madrid, e de outras cidades, con alusións extremadamente xenófobas e racistas que non vou reproducir. As pelexas e mortes entre membros de diferentes colectivos étnicos son habituais e xa non son case noticia excepto para contar o número de víctimas. Cal é a diferencia co anterior? No caso vasco trátase de violencia organizada, e, o peor de todo, ten o amparo dunha ampla base social que a alimenta. Esa base social está composta maioritariamente por milleiros de persoas que levan unha vida normal, estudantes e traballadores que se levantan cada mañá para realizar as súas tarefas e que teñen que convivir con outras persoas que non comparten a mesma visión do mundo ca eles. E vano seguir facendo.

Ao mesmo tempo do crime, houbo varios atentados con decenas de mortos noutras partes do mundo, máis éses, afastados e alleos, non afectan do mesmo xeito aquí e agora. Aínda que son igual de reais. E van seguir ocorrendo.

Estou convencido de que nos espera un futuro de paz e prosperidade en todo o mundo, mais, para logralo, queda aínda moito por traballar.

Chuzame! chuzame -
Introducción ao reintegracionismo (e III). Conclusión.

Éste é o último artigo dunha serie que acadou unha modesta repercusión no Blogomillo. Quérolle agradecer a Cleoninha que me ligara o primeiro post da serie nun comentario de Chuza, aínda que fora por motivos persoais. Cleo, sei que me estás lendo: obrigadinho.

Sobre o tema lingüístico galego leva moito tempo sendo motivo de controversia na sociedade. Talvez, demasiado. Temos, quizabes, exceso de lingüistas e falta de todo o resto. Ou talvez sexa unha característica propia á que non podemos escapar. De feito, temos ata unha lei na rede, a coñecida Lei de Berto enunciada polo creador de Chuza!, que ilustra moi ben a situación na que nos atopamos.

Existen argumentos a favor e en contra das dúas posicións, e non se deberían censurar os argumentos de ningunha delas, senón mirar cara adiante. Persoalmente, vexo dous criterios principais:

  • O reintegracionismo leva anos sendo excluido e proibido de xeito autoritario e tendencioso polo poder e os medios de comunicación, e aínda así segue existindo e incluso medrando. A sociedade galega debe deixar de darlle as costas e, polo menos, intentar escoitar.
  • A norma RAG é actualmente a máis aceptada pola sociedade e permitiulle á língua acadar un prestixio que só há vinte anos atrás era un soño lograr. É a base de moito traballo realizado que non se pode perder.

Na actualidade, a nosa língua está sufrindo ataques por parte de grupos de presión casposos apoiados por unhas bases gregarias e ovelleiras e uns medios de comunicación xa habituados a prostituirse. O único que nos queda é apoiarnos, compartir ideas, escoitar e non deixar de ser fieis a nós mesmos.

A nosa cultura ten un lugar no presente, e terá un lugar na mestizaxe do futuro.

Chuzame! chuzame -
Dicionario de Madrileño

Antes da segunda parte do meu artigo sobre o reintegracionismo, vou facer un breve inciso. Levo xa seis mesiños en Madrid (en galego debía ser Madrí) e debo admitir que aínda teño dificultades co idioma. É difícil de crer, máis é certo: o madrileño é unha variante do español normalizado case imposíbel de entender, e moito menos de intentar falalo.
Como resultado dos meus tremendos esforzos para poder relacionarme cos nativos fixen unha pequena listiña de palabros que me son imprescindíbeis na miña vida cotidiá:

  • Truño: Dise de algo que está mal feito dos pés á cabeza, e ademáis é feo.
  • Ñapa: Calquera cousa que haxa que facer para que un truño cumpra a súa función, independentemente das consecuencias que poida traer. No futuro será unha das poucas palabras do dicionario que comezará por esa letra.
  • SuperPro: Do bo o mellor e do mellor, o superior.
  • Restaurante: Lugar onde podes adquirir un prato de lixo a un prezo exorbitado. Isto é, fora de órbita.
  • Cubata: Derivado do garrafón que se sirve en establecementos públicos. Non apto para consumo humano.
  • Sala de concertos: Habitáculo habitualmente non superior a 15 metros cadrados destinado a facerlle perder á poboación o gusto pola boa música.
  • Piso: Parte dun edificio construido con papel e sucedáneos de cartón.
  • Provinciagh: Territorios conquistados e sometidos á vontado dos súbditos da capital.
  • Capital: En Egpaña, dise dunha cidade que o único mérito que fixo para merecer ese título é estar no centro xeográfico do territorio.
  • Galicia: Lugar natal del marigco y log percebeg

Como vedes, algúns destes termos existen tamén no galego con diferente significado.
Para rematar aquí tendes outro trapo, perdón, símbolo, que adorar:

Bandeira Madrid

Chuzame! chuzame -