O título desta entrada é o mesmo que o do artigo escrito por Xabier Loureiro para o xornal web GZNación, e que podedes atopar na barra lateral. O artigo refírese á situación actual do mercado laboral. É un tema que interesa a moita xente polo que aconsello a lectura dese artigo e tamén vou dar a miña opinión aquí.
Agora mesmo estánse a dar dous fenómenos que en aparencia son contradictorios. Dunha parte, na Galiza en particular, a maior parte da poboación está a disfrutar da maior calidade de vida da súa historia: nunca tan ben se viviu. Pola outra, o traballo nunca foi tan pouco valorado.
Por todas partes proliferan os "MacJobs", traballos que toman como modelo o da multinacional de comida lixo: contratos precarios e condicións económicas propias de indixentes para unha parte cada vez máis importante da poboación.
A situación é moi complexa e vén dada pola composición dos diferentes estratos da sociedade galega. Os "motores" principais da economía galega, desde o meu punto de vista, son: o capital tradicional que provén da terra, as grandes empresas que explotan os recursos país e, en último lugar, o estado. Os traballadores que queiran prosperar teñen que depender na case totalidade dos casos deses poderes. Non existe a posibilidade de traballar en sectores productivos, industriais ou tecnolóxicos no que un profesional se poida desenvolver sen ter que servir (ou vender a súa alma) a eses poderes.
O país é unha finca privada explotada por unha casta de terratenientes, funcionarios e directivos que se aproveitan despiadamente dos seus recursos e da súa xente. Deste xeito, a ausencia dunha burguesía emprendedora que forme unha rede social forte provoca a existencia da "provincia gallega", dependente da capital do Estado. Isto é, a dependencia social e económica dun foco, Madrid, que é incapaz de xestionarse a si mesmo con eficiencia.
As élites do país, as clases altas e os seus satélites, están a impoñer como "beneficioso" un modelo que só favorece os intereses duns poucos e, co control dos medios de comunicación e dos dous grandes partidos, suprime a esperanza de termos as ferramentas (instituto de credito propio, empresas estratéxicas xestionadas desde aquí, etc...) coas que afrontar os problemas deste novo século.
Como di o autor do artigo, precisamos de institucións sólidas sen cacicadas dos de turno... Precisamos de solucións reais, con resultados e non plans baleiros de obxectivos.
chúzame - 