Archive for outubro, 2008
Outra volta á identidade

A identidade dunha persoa pode, ás veces, ser un tema moi complexo. De feito, as persoas que residen nun determinado lugar, poden non responder do mesmo xeito cando se lles pergunta por ela. Aínda nacendo e vivindo nun mesmo lugar toda unha vida, pode haber enormes diferencias entre as respostas que se reciban.

É sorprendente como xente de diferentes lugares pode atopar similitudes entre os seus pobos, a pesares de estaren separados por milleiros de kilómetros. Pola miña experiencia persoal, atopo que un deses casos de "sorprendente" afinidade dáse entre a xente dos moi controvertidos "paises celtas". Superada a barreira do idioma, ao empregar unha língua universal coma o inglés, é doado atoparse coa semellanza, a comprensión e a curiosidade recíproca. A enorme similitude nos hábitos culturais, sociais, familiares e incluso políticos van máis aló das simples coincidencias.

Persoalmente nunca crín excesivamente no folcklore mítico que falaba dun pasado remoto no que a estirpe de Breogán conquistaran  as illas británicas. Por outra banda sempre tiven claro que desde logo compartíamos algo máis que un espazo común, o nordeste Atlántico, aínda que dun xeito un tanto borroso. É de esperar que, no futuro e co auxe das comunicacións, o contacto aumente e sexa beneficioso para todos.

Pode resultar un tanto pretencioso referirse á comunicación con outros pobos cando entre nós, moitas veces, comunicámonos en moitas ocasións moi pouco e de xeito moi pobre. Esperemos que, nestes días tan confusos e nos albores dunha nova era, o coñecemento de outras realidades nos axude a comprendernos máis a nós mesmos, a entendernos mellor cos demáis e a sabernos valer no futuro.


Versión do Cancro Crú de Berroguetto interpretada por un flautista irlandés para a televisión pública da illa.

Chuzame! chúzame -
Guía do neoparlante, ou como pasarse ao galego

Esta anotación vai dirixida a todos aqueles que non se atreven a dar o paso e comezar a falar língua de seus pais e/ou seus avós, de 3 ou 300 millóns de persoas en todo o mundo.

Primeiro de todo: que é un neoparlante?

  • Básicamente, hai dous tipos de falantes de galego: os que o falaron sempre, paleofalantes, e os que comezaron a falar continuamente na madurez, os neofalantes.

Como se diferencia a un neoparlante dun paleofalante?

  • Os paleofalantes conservan unha fónetica (xeito de falar, acento...) tradicional, moi sonora e afastada do castelán. Tamén empregan expresións enxebres de xeito moi natural. Os neofalantes, pola contra, carecen dese sotaque e téntano compénsar co emprego dun idioma máis culto. Os dous son por igual susceptíbeis de empregar castelanismos e outros erros lingüísticos comúns.

Se sempre falei castelán, por que debo pasarme ao galego?

  • Esa decisión debe ser sempre persoal. Como ben dicía o finado Carlos Casares, un falante sempre crea lazos emocionais cunha língua, e ésa é a razón principal para que moitos comezaramos a falar galego con regularidade. Os motivos sentimentais son os que máis atan: família, amigos...

Cal é a norma que debo empregar?

  • As normas ortográficas son sobretodo para a lingua escrita, na fala debe haber certa liberdade. Esa liberdade axuda a poder falar con soltura, xa que ao comezo é inevitabel non cometer erros. Iso non quere dicir que ter unha norma escrita forte non sexa útil: sen normas e leis que rixan estaríamos perdidos e teríamos unha lingua completamente asilvestrada.

Que é o máis difícil?

  • Coma sempre na vida: comezar. Todo é ir collendo práctica pouco a pouco. Sempre hai xente que ten máis facilidade para os idiomas que outra e non convén desanimarse. O máis importante é non tomalo demasiado en serio e procurar divertirse e pasalo ben aprendendo e practicando.

E o máis doado?

  • Ben, o galego é unha língua moi próxima ao castelán, sinxela e confortable, o que facilita a comprensión mutua entre falantes dos dous idiomas. Como contrapartida, ese feito pode provocar confusións, máis como norma xeral debería ser un factor moi positivo.

Non dou feito. Cal é o truco?

  • Falar nunha lingua diferente implica pensar dun xeito diferente. A semellanza entre o galego e o castelán provoca que un castelán-falante, que toda a vida oira falar en galego, crea que pode falalo cando queira, o que é un erro. O galego ten un código propio. Saberse manexar nel debe ser un incentivo, xa que se trata de aprender e non de simplesmente traducir.

Só os nacionalistas mudan ao galego...

  • Ése é un prexuízo falso e interesado. Existe moita xente que comezou a falar galego de adulta e aborrece os nacionalismos, o español incluido. E, de todos os xeitos, ser nacionalista, polo menos en Galiza, non é nada malo ou perverso. A existencia de nacionalistas que poñen bombas e cristianos que abusan dos cativos son dous temas puntuais que non incluen á inmensa maioría deses dous grupos. Cando se resalta esa relación é porque hai un interés por detrais en manipular á opinión pública. Lembremos que nunca se fala dos ateos que abusan de menores e dos centralistas (p.ex: árabes, rusos...) que asasinan en nome da súa causa.

Por que os portugueses non me entenden cando lles falo en galego e sí cando o fago en castelán?

  • Pois non é certo que non entendan o galego, senón que moitas veces a falta de práctica na fala provoca situacións confusas. O castelán benefíciase de ter un estándar forte e por ese motivo os portugueses apréndeno fácilmente, como veciños educados (algo que non sucede recíprocamente na outra beira da fronteira). Por certo, na miña experiencia persoal cos parentes brasileiros, eles sempre preferiron o galego e sempre resaltaron a súa similitude. E viaxando, tamén houbo quen me perguntou en que parte do Brasil quedaba Galicia, xa que a língua soaballes parecido...

Todos os meus amigos falan castelán. Debo ser o único que non?

  • Coma sempre ésa debe ser unha decisión persoal. En moitos casos, a mudanza de lingua é facilitada cando un pode relacionarse con máis xente que tamén o fala. Pola miña experiencia persoal, recibín ánimos de xente que nunca o fala e recriminacións de paleofalantes exclusivos. Tamén hai moita xente que non se atreve a dar o paso, e quizabes se animen se teñen alguén cercano con quen practicar.

E, para rematar, lembro esta frase dunha persoa á que admiro: "Non importa a língua na que te expreses, o que importa é que o fagas de corazón."

E para os que non a recoñecérades, a língua do vídeo é o galés.

Chuzame! chúzame -
A moderación salarial

Coma sempre, haxa ou non haxa crise, escoitamos e lemos nos medios de comunicación que os 'pontífices' económicos, os bancos centrais e a patronal, reclaman ás empresas "moderación salarial". Esta ligazón leva a un artigo sobre a falsidade de que esa conxelación de salarios sexa algo bo e necesario para a mellora da economía.

Estamos asistindo a unha crise financeira global, onde o carto escasea e os bancos centrais dos paises (no noso caso da Unión Europea), néganse (esta vez con bo criterio) a aumentar o volume de diñeiro en circulación, co fin de evitar a inflación, isto é, a suba dos prezos. Estamos ainda comezando e as consecuencias son imprevisíbeis, polo que é moi difícil dar consellos. Aínda así, convén ter claras algunhas cousas:

  • O sistema económico viciouse de tal xeito que as institucións financeiras, sobre todo os bancos, ofreceron créditos de moi dubidoso cobro e aceptaron valores financeiros fraudulentos que non van poder recuperar.
  • Os principais candidatos a pagar esas débedas somos os traballadores. A banca nunca perde.
  • As primeiras en caer van ser as pequenas empresas, as que sobrevivan medrarán afrontando a crise.
  • A día de hoxe, é impensábel manter o de competir no mercado empregando man de obra barata. Hai que competir en calidade.
  • O nível tecnolóxico das empresas galegas é moi baixo, hai moito que mellorar por ese camiño.

As consecuencias da crise veránse co tempo e, a pesares de todo, hai quen vai gañar cartos con ela.  De momento, non convén precipitarse para tomar ningunha decisión que nos vaia afectar ao peto, polo que poida pasar.

Para rematar con bo sabor, déixovos este vídeo de A Nosta Terra TV sobre  Nordestin at s.

Novidade: Guadi e Guillermo preparan outro "Espido" para o Nadal!!!!!

Chuzame! chúzame -