Archive for setembro, 2008
Vaguedás

Por que pensas que mil follas,

din mais cá unha palabra,

por que cres que o teu discurso,

vale mais cá miña mirada,

por levar máis anos xogando,

non coñeces a xogada;

no xadrez non hai Vitoria,

por aguantar máis tiradas,

non penses en gañar esta guerra,

pensa só en loitar na batalla.

Antón do Carro

Esta poesía pertence ao repertorio do esquecido poeta nóvel Antón do Carro, infelizmente falecido a causa do abuso dos estupefacientes na década dos 80. Expoño a súa obra na rede con lixeiras correccións para regocixo dos seus devotos admiradores.

Chuzame! chúzame -
Calendarios

Acabo de engadir unha nova páxina de "Calendario" na barra lateral. Trátase dunha ligazón a un calendario de 'Google Calendar' no que aparecerán as datas importantes, como por exemplo os cumpreanos.

Google Calendar é unha aplicación moi útil, que ata envía mensaxes a móviles gratuitamente. Un paso máis co seu "plano de dominación mundial". Trátase dunha proba para ver que tal vai, a información que aparece é máis ou menos persoal. De momento, só hai dúas datas: o meu cumpre e o dunha amiga miña que cumprirá mañá, xa que non me lembraba de máis.

Podedes facer as vosas suxerencias, coma sempre, nos comentarios ou tamén por vía oral.

Chuzame! chúzame -
Problema lingüístico… ou problema social?

Comeza un novo curso, tanto para os estudantes como para os que acabamos as vacacións. Deste xeito, moitos atopamonos con problemas novos ou cos mesmos problemas de antes. Así que, desde este sacro púlpito, vou falar unha vez máis, e non vou cansar, da cuestión lingüística galega.

O último premio Príncipe de Asturias de Literatura, un tal Steiner (non o bo, un máis mediocre), esbardalla nunha entrevista algo así como que o galego non é unha língua, nada que ver co catalán por exemplo, que mola mazo. E entre as razóns para demostrar iso cita o non ter literatura de importancia.

Talvez o señor Steiner de marras non coñeza as cantigas medievais, a Rosalía e Curros, a Ferrín e Casares, a Cunqueiro e a Manuel Rivas. Talvez coñeza a moitos autores, non xa cataláns, senón de paises con estado propio que cheguen a ese nível de calidade e que esteñan traducidos a tantas línguas. "Memorias dun neno labrego" de Neira Vilas é un clásico da literatura universal que está traducido a máis de 50 idiomas. A cantas línguas está traducida a súa obra que todo o mundo di coñecer e ningúen tivo nunca intención de ler? En definitiva, outro personaxe ao que lle queda pouco para igual a aquel outro 'galego' ao que lle deron o Nobel e tivo por mérito absorver litros e litros de líquido por vía rectal.

Estas declaracións súmanse á campaña mediática de linchamento (palabra por certo que provén dun tal Lynch que no seu momento fixera unha lei que regulaba esa tradición) da lingua e cultura galegas, en favor, segundo din, doutras moito mellores, sobre todo a que vén da capital do Imperio, Madrid. Realizada desde as televisións, radios e xornais, vén a dicir algo así que o castelán goza dunha saúde excelente e ademáis os que o falan son vítimas da discriminación nas comunidades autónomas onde non é a língua vernácula.

Esa peculiar campaña, xa que tirar contra as línguas minorizadas só se fai no estado español e en ningunha outra parte do mundo, contrasta axiña coa realidade dos que visitan eses territorios. Non só axiña se sorprenden de que se fale un castelán en moitos casos máis correcto que nas comunidades monolíngues, senón de visitar lugares onde a língua vernácula directamente non existe. O visitante alleo, excepto en contadas excepcións como o caso Madrid vs. Barcelona, dáse conta axiña de que o conflicto antes mencionado non ten precisamente por vítima o castelán.

Por outra banda, os apoios desde dentro da sociedade galega a este tipo de campañas veñen sempre da mesma dirección: a clase alta e os seus aludidos. Eses mesmos que levan explotando ás clases baixas do país desde que se ten memória, aqueles que se perpetuan no poder fáctico desde xeracións e que marcaron a diferencia de lingua como marca social e levan detendo o avance social durante décadas, son os que abrazan con entusiasmo a bandeira do vitimismo.

Non é unha táctica nova, desde logo. A ditadura, coa que esa clase social pactou a gosto, tamén a empregou e soubo facer calar entre a poboación ese sentimento. Daquela falábase de que "ninguén nos quixo axudar na posguerra" cando o bloqueo fora o prezo que o estado pagaba por manter ao ditador e os arrimados, ou "os demais paises teñen-nos manía por ser mellores ca eles" cando aos que daquela mandaban non lles importaba que o pobo tivese privacións a costa de seguir eles perpetuándose no poder.

Deste xeito, no escenario da loita lingüística aparecen dous bandos claramente definidos, e claramente debuxada a loita entre patróns e obreiros. Dunha parte a clase alta, que na maior parte non son empresarios, senón xente que obtén rendas polas súas propiedades, e doutra parte a clase traballadora, que ata a universalización do ensino non puido ter acceso á mal chamada língua común.

E para ratificar esta teoría, non compre máis que botar unha ollada aos asinantes dos diferentes documentos e manifestos que se puxeron en circulación nos últimos días. Dunha parte, os clubes financieiros e asociacións de empresarios expresando o seu malestar polo atranco e a suposta perda de beneficios que lles supón a súa existencia. Doutra, os sindicatos, especialmente o maioritario con diferencia e nacionalista, reivindicando a dignidade da nosa lingua.

E postos nesta loita fratricida, quen gañará? Entendo que, como en todas as guerras, ninguén pode saír gañando. Esta loita debilita tanto ao galego como ao castelán. Ao galego porque lle fai perder a tranquilidade que tanto necesita para desenvolverse con normalidade e ao castelán por o fai parecer para uns o ogro que só vén facer o mal e a outros o salvador que nunca será.

Chegará o día en que cada un ocupará o seu lugar e as loitas do pasado parecerán tan fora de lugar como o son hoxe as guerras carlistas ou as guerras entre católicos e protestantes. Máis ata que chegue ese momento, algúns saberemos con quen estar: sempre co máis débil.

Chuzame! chúzame -