Desde hai xa uns meses, firmo todos os meus correos electrónicos co seguinte latinismo (isto é, frase en latín):
"Ars longa, vita brevis"
Que quere dicir? Máis ou menos, que o tempo para aprender con mestría absoluta unha profesión, oficio ou arte supera con moito o tempo que dura a vida dunha persoa. Trátase dunha cita do médico grego Hipócrates, que viviu arredor do século V antes de Cristo e que se considera pai indiscutido da medicina moderna. Tamén é o lema da marca de roupa XDYE das tendas Pull and Bear (entereime meses despois de escoller a cita para o correo e non vexo motivo para mudala).
Esta frase adáptase, sen dúbida, á maior parte das profesións e ten particular acerto no caso da miña, programador informático. Traballar nunha disciplina en perpetuo progreso exixe unha constante atención e unha capacidade de filtrado e asimilación de información continua. Desde logo, ir picar á mina, por exemplo, é unha profesión moito máis dura, máis iso non significa que o traballo do programador sexa fácil: soldos baixos, proxectos infernais, horas e horas diante dunha pantalla que queima a vista... Creo que realmente non llo recomendaría a ninguén.
Aínda que tamén ten moitos momentos reconfortantes, a ilusión de aprender algo novo cada día, traballar sobre abstraccións que manipulan información do mundo real, atopar a solución a problemas complexos... programar é unha arte e non creo que lograra acadar a perfección (se é que existe) nin noutra nin nun millón de vidas...
chuzame - 