Archive for xuño, 2008
Os lectores de novas (RSS)

Os lectores de novas, feeds en inglés, son unha ferramenta (ou programa) que permiter enterarse de xeito áxil do contido de páxinas web, grupos de noticias e listas de correo sen ter que acceder directamente a elas. Por que se empregan? A resposta é que a moitos usuarios permítenlles acceder máis comodamente e de xeito directo á información, sen ter que perderse navegando pala web e cargando as páxinas. Permiten descartar automáticamente as entradas e novas antigas e estar informado dos novas segundo van aparecendo dunha tirada.

O xeito de conectarse é empregar a ligazón que nos ofrecen moitas webs, que normalmente vai indicada co nome 'RSS' ou 'Entradas', como no caso deste blog. Este formato serve para obter calquera actualización do contido: tamén se poden obter os comentarios, música e incluso vídeos. Ésteé o símbolo co que se indica as máis das veces:

simbolo rss

Existen dous tipos de lectores: os programas que se executan desde o ordenador cliente e os que funcionan desde unha páxina web, accedendo cun nome de usuario e un contrasinal. Os programas (como RSSOwl ou Thunderbird, por exemplo), teñen máis opcións para organizar e categorizar as entradas. Coas interfaces web (Netvibes, Bloglines, Google Reader), pódese acceder desde calquera lugar á información: moi útil para os ziganos coma min que nunca paran nun mesmo lugar moito tempo.

En definitiva, unha alternativa moi interesante para a xente que valora máis o contido que o continente.

Chuzame! chuzame -
Rosalia XXI

Rosalia XXI é o título da nova colaboración entre o pianista Abe Rábade, Guadi Galego e o poeta Anxo Angueira. Este proxecto naceu como un encargo da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza para a controvertida feira do libro da Habana. O obxectivo era mostrar unha versión contemporánea da obra da poetisa galega máis representativa de todos os tempos: Rosalía de Castro. Téntase dar una nova imaxe, renovando o xa mostrado por outros autores como, por exemplo, Amancio Prada.

Neste vídeo explícase máis en profundidade:

Resulta difícil de crer que non recibise prácticamente ningunha atención polos adormecidos medios de comunicación do país. Bótase en falta tamén a presentación do traballo en directo nesta beira do Atlántico. O CD está á venda na tenda vitual de Falcatruada e na tenda virtual de Apple, iTunes. Eu, por suposto, xa encarguei unha copia.

Chuzame! chuzame -
A experiencia dun oficio

Desde hai xa uns meses, firmo todos os meus correos electrónicos co seguinte latinismo (isto é, frase en latín):

"Ars longa, vita brevis" 

Que quere dicir? Máis ou menos, que o tempo para aprender con mestría absoluta unha profesión, oficio ou arte supera con moito o tempo que dura a vida dunha persoa. Trátase dunha cita do médico grego Hipócrates, que viviu arredor do século V antes de Cristo e que se considera pai indiscutido da medicina moderna. Tamén é o lema da marca de roupa XDYE das tendas Pull and Bear (entereime meses despois de escoller a cita para o correo e non vexo motivo para mudala).

Esta frase adáptase, sen dúbida, á maior parte das profesións e ten particular acerto no caso da miña, programador informático. Traballar nunha disciplina en perpetuo progreso exixe unha constante atención e unha capacidade de filtrado e asimilación de información continua. Desde logo, ir picar á mina, por exemplo, é unha profesión moito máis dura, máis iso non significa que o traballo do programador sexa fácil: soldos baixos, proxectos infernais, horas e horas diante dunha pantalla que queima a vista... Creo que realmente non llo recomendaría a ninguén.

Aínda que tamén ten moitos momentos reconfortantes, a ilusión de aprender algo novo cada día, traballar sobre abstraccións que manipulan información do mundo real, atopar a solución a problemas complexos... programar é unha arte e non creo que lograra acadar a perfección (se é que existe) nin noutra nin nun millón de vidas...

Chuzame! chuzame -
A Comunidade de Montes da Pedra

Este pasado venres, sexta feira, apareceu un pequeno artefacto explosivo diante da furgoneta de meu pai destinado a darlle un bo susto e quizabes rebentarlle o seu medio de traballo. Foi descuberta por casualidade e a meu pai deulle tempo a ver o coche do cativo (levaba a L) ao que lle pagaron por colocalo. Ao final, a botella de amoniaco con aluminio (de momento pensamos que só ten iso) quedou nas mans da Garda Civil e todo quedou nunha anécdota que lembraremos rindo no futuro.

Como se chegou a isto? Ben, meu pai está coordinando a Plataforma pola Defensa dos Montes da Pedra que emprega todos os medios legais e democráticos para tentar botar do poder aos caciques da parroquia. Estes personaxes levan aproveitándose dunha institución asemblearia que ten séculos de existencia para o seu propio beneficio e chegoulles a hora de irse. E como están tan mal acostumados, agárranse canto poden.

Pagarlle a un imbécil para que coloque un artefacto explosivo nun auto dunha persoa que non comparte as túas opinións é un acto própio de terroristas. Pode parecer de riso, mais a mestura de amoniaco e aluminio é a base do amonal, o explosivo máis empregado por ETA, o IRA e outros da súa calaña. Houbo xente que levou un disgusto moi serio por andaren xogando con esas cousas.

Confiemos en que a situación volva á cordura e á normalidade. Por parte da Plataforma, podo dar a seguridade absoluta de que non se van tomar represalias do mesmo xeito e en ningún caso se empregará a violencia para tentar resolver o conflito. Nós venceremos... e convenceremos.

Chuzame! chuzame -