Archive for maio, 2008
Ponte ao meu lado

Este é un dos vídeos realizados para promocionar o patrimonio cultural galego-portugués, realizado por Guadi Galego e o grupo português Vozes da Rádio.

Outra pequena marabilla que fala de acercamento e compresión entre dúas culturas afastadas por escuros intereses. Esta clase de iniciativas as que nos dan azos e fan que nos reconfortemos co mundo no que vivimos.

Chuzame! chuzame -
DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Chuzame! chuzame -
Língua e corazón

"Se lle falas a un home nunha língua que el entenda, chegarálle á súa cabeza. Se lle falas na súa língua, chegaráslle ao corazón."

Nelson Mandela, primeiro presidente democrático de Sudáfrica

Despois de pasar 27 anos da súa vida no cárcere e levar unha vida miserábel por defender os dereitos da súa xente, Nelson Mandela foi elixido presidente do seu país nas súas primeiras eleccións verdadeiramente democráticas nas que todo o mundo puido votar libremente. Durante o seu mandato levou a cabo unha política de reconciliación que permitise superar as diferenzas entre o seu povo.

Non sempre o racismo, ou a xenofobia, que é o mesmo, se refiren a un aspecto físico como a cor da pel ou dos ollos. Ás veces presenta unha forma relixiosa ou cultural. Por exemplo, o réxime fundamentalista iranés (do Irán), ou a os intocavéis da India. Mais, en todos os casos baséase no mesmo: a supresión dos que son e/ou queren ser diferentes. É algo habitual no ser humano de todas as partes do mundo.

Deste xeito, nestes últimos anos os galegos estamos experimentando unha mudanza no xeito de interpretar a discriminación á que habitualmente estabamos sometidos. Durante os últimos séculos, o costume era que a clase superior, que podía permitirse a educación, empregase o galego, deixando o galego para as clases baixas. Nunca, ata o derradeiro terzo do século XX, se fixo ningún esforzo por alfabetizar masivamente á poboación, ao estilo da Rusia zarista que conduxo á brutal revolución. Neste ambente o galego conservouse doadamente, porque era útil á élite e ao que quería acercarse a ela: marcaba a diferencia.

Co paso do tempo chegaron os avances e tamén a universalización do ensino. Só cando foi estrictamente necesario e séculos despois de que fose habitual no resto de paises europeos. Dá mala imaxe ser un emigrante analfabeto en Europa. Iso implicaba un cambio de estratexia. O autoritarismo dá paso ao xacobinismo: a creación dun estado centralista forte baseado na supremacía dunha cidade capital que limita o desenrolo das rexións e impide que a poidan superar en calquera aspecto. Agora o galego xa non é necesario, é un obstáculo para a uniformidade que os grupos de poder consolidados pretenden impoñer para o seu benefício: o pensamento único.

Estamos vivindo o final da transición entre a primeira e a segunda etapa. O clasismo está desaparecendo en favor da intolerancia e o desprezo a unha cultura considerada inferior e, algo moi propio dos tempos, pouco competitiva. Substitúese o sentimento pola cobiza e a competencia cega. Deste xeito, as emisoras que antes falaban de relixión agora fano de economía, co fin de desinformar co que lles interesa a eles.

Noutra banda, a xente que loitou e loita por preservar, coidar e difundir a nosa cultura ve recompensados os seus esforzos polo incremento no prestixio da língua e cultura que defenden, mais tamén se ve defraudada pola ausencia de medios de comunicación propios e pola continua emigración da élite cara a as rexións máis beneficiosas económicamente, que leva anos desangrando o país.

Os que defendemos a discriminación positiva do galego só queremos conservar a nosa língua, que é a nosa herdanza. Non pretendemos suprimir o castelán nin ningunha outra língua, só evitar que desapareza a nosa.

E lográmolo día a día.

Chuzame! chuzame -
WebCountdown

Despois de facer a contaatrás da páxina, decidín facer un pequeno experimento e crear un pequeno proxecto en Google Code. Só por facer unha proba.

Google Code é un servizo que ofrece aos programadores unha serie de ferramentas para publicar e manexar os seus proxectos. Non creo que sexa moi práctico para grandes empresas, mais semella ideal para non perder eses pequenos anacos de código que se van deixando por ahí.

Esta primeira versión de WebCountdown, o nome do miniproxecto, é unha simple aproximación, xa veremos se lle engado cousas. De momento, ahí queda. Decidín facelo íntegro en inglés por ser ésa a língua internacional da informática. Sen dúbida máis adiante acrecentareille unhas pequenas instruccións en cristiano. Tedes unha ligazón para descargalo na barra lateral do blog, aínda que só poida ser algo útil aos programadores web.

Chuzame! chuzame -
Futuro

A semana pasada coloquei un contador na barra da esquerda (ou da dereita, según se mire), no que se amosa o tempo que falta para a voda de dous amigos meus. Será a finais de agosto, polo que aínda teñen tempo de arrepentirse ;). Como non creo que vaia ser así, pareceume boa idea que puidesen ver cando quixeran canto tempo lles queda de liberdade.

No mundo actual aínda queda espazo para o compromiso entre as persoas, a pesar da insistencia dos medios de comunicación en matar a utopía. Aínda que sexa difícil ás veces, algúns seguimos soñando cada noite cun mundo mellor ao despertarnos pola mañá.

Chuzame! chuzame -