Pois iso que se vé na imaxe superior é un lector de tinta electrónica, concretamente un Sony Reader PRS505, nunha foto que tirei no meu traballo co móbil, o que explica a calidade.
Que é un lector de tinta electrónica? Seguro que moitos xa coñecederes os libros electrónicos ou dixitais (PDF). O problema ata o momento era que a lectura nunha pantalla (écran) era pesada e molesta debido á retroiluminación, isto é a pantalla é unha fonte de luz que molesta a vista. A tecnoloxía da tinta electrónica soluciona este problema: a pantalla xa non emite luz, simplemente modifica o seu contido.
A pantalla dun lector con esta tecnoloxía está composta por millóns de células que cambian a cor ao paso dunha corrente eléctrica (polarización). Deste xeito lógrase un efecto similar ao dunha folla de papel, coas ventaxes que ofrece un dispositivo electrónico:
- Pode almacenar milleiros de páxinas nun espazo moi reducido (o grosor medio dun lector non supera o centímetro).
- Ten capacidade para arquivar e ordear os textos na orde que nos pete. A nosa biblioteca ordenada ao alcance dun click na palma da man.
- Podemos gardar os marcapáxinas sen medo a perdelos.
- Ten moi baixo consumo de enerxía, que se mide en saltos de páxina. Unha simples carga abonda para poder pasar milleiros de páxinas.
- Os modelos máis avanzados incorporan unha pantalla táctil, moi práctica para suliñar, sinalar e facer garabatos.
Mais, coma sempre, non todo son ventaxas:
- Pasar de páxina lévalle case 1 segundo. Realmente insignificante para a maior parte dos usuarios, resulta algo molesto para os usuarios esixentes.
- Non existe unha gran variedade de títulos para estes cacharros aínda. Os usuarios avanzados empregan sistemas para convertir arquivos para solventar esta eiva, mais moitos títulos non están soportados e non se poden ler nestes aparatos.
- O prezo é, de momento, excesivo: 300€ os modelos básicos e 600 os de gama media. Compre esperar que os prezos baixen nun futuro próximo.
A tecnoloxía está polo de agora en pañais, comezando a gatear. Nun futuro próximo haberá cada vez máis lectores con mellores prestacións, conforme se asente o mercado. Eu xa lle estou sacando partido ao meu, empregándoo para ler libros técnicos e tutoriais, outra xente emprégao para novelas e ensaios.
Pouco a pouco, o mundo avanza.
chúzame - 
