Archive for marzo, 2008
Lectores de tinta electrónica: xa están aquí

Foto do meu Sony reader

Pois iso que se vé na imaxe superior é un lector de tinta electrónica, concretamente un Sony Reader PRS505, nunha foto que tirei no meu traballo co móbil, o que explica a calidade.

Que é un lector de tinta electrónica? Seguro que moitos xa coñecederes os libros electrónicos ou dixitais (PDF). O problema ata o momento era que a lectura nunha pantalla (écran) era pesada e molesta debido á retroiluminación, isto é a pantalla é unha fonte de luz que molesta a vista. A tecnoloxía da tinta electrónica soluciona este problema: a pantalla xa non emite luz, simplemente modifica o seu contido.

A pantalla dun lector con esta tecnoloxía está composta por millóns de células que cambian a cor ao paso dunha corrente eléctrica (polarización). Deste xeito lógrase un efecto similar ao dunha folla de papel, coas ventaxes que ofrece un dispositivo electrónico:

  • Pode almacenar milleiros de páxinas nun espazo moi reducido (o grosor medio dun lector non supera o centímetro).
  • Ten capacidade para arquivar e ordear os textos na orde que nos pete. A nosa biblioteca ordenada ao alcance dun click na palma da man.
  • Podemos gardar os marcapáxinas sen medo a perdelos.
  • Ten moi baixo consumo de enerxía, que se mide en saltos de páxina. Unha simples carga abonda para poder pasar milleiros de páxinas.
  • Os modelos máis avanzados incorporan unha pantalla táctil, moi práctica para suliñar, sinalar e facer garabatos.

Mais, coma sempre, non todo son ventaxas:

  • Pasar de páxina lévalle case 1 segundo. Realmente insignificante para a maior parte dos usuarios, resulta algo molesto para os usuarios esixentes.
  • Non existe unha gran variedade de títulos para estes cacharros aínda. Os usuarios avanzados empregan sistemas para convertir arquivos para solventar esta eiva, mais moitos títulos non están soportados e non se poden ler nestes aparatos.
  • O prezo é, de momento, excesivo: 300€ os modelos básicos e 600 os de gama media. Compre esperar que os prezos baixen nun futuro próximo.

A tecnoloxía está polo de agora en pañais, comezando a gatear. Nun futuro próximo haberá cada vez máis lectores con mellores prestacións, conforme se asente o mercado. Eu xa lle estou sacando partido ao meu, empregándoo para ler libros técnicos e tutoriais, outra xente emprégao para novelas e ensaios.

Pouco a pouco, o mundo avanza.

Chuzame! chuzame -
Fit-pc: unha maquina do futuro

Este artigo esta escrito nun Fit-pc, un ordenador compacto fabricado por unha empresa israeli. Non e un pc potente, esta pensado para ter un consumo minimo de enerxia, so 5w, e ocupar un espazo minimo. Ven preinstalado co linux Ubuntu, mais pode aceptar outros sistemas operativos. A xente que o probou co XP esta tamen contenta con el. Os seus usos: escritorio, navegador, servidor web, p2p... Sempre con ese gasto minimo de electricidade.

De momento estouno a empregar para acceder a internet mentres non tenho o equipo novo. Por certo, coidado ao comprar unha placa nova con tarxeta integrada, xa que necesitan as de Gigabyte por exemplo, necesitan unha tarxeta de expansion a maiores.

O futuro da informatica pasa por cacharros coma este, que son capaces de facer o servicio con un consumo minimo de recursos. O prezo do equipo foron case 300 Euros, incluindo gastos de aduanas, polo que se amortiza tranquilamente en menos de dous anos. O beneficio e doado de ver.

Agora mesmo estou a escreber co teclado en ingles, que e o que ven por defecto na Ubuntu. Linux soporta tanto o teclado espanhol coma a lingua galega nos textos do escritorio e das aplicacions, polo que os vou mudar xa. Un paso mais cara o futuro.

Chuzame! chuzame -
A guerra eterna

Escrebo este texto un día despois de que unha persoa, un simple militante dun partido político, fose asasinada en Euskadi polas súas ideas e pola súa orixe, diferente da dos seus asasinos. Unha vez máis o odio e a xenofobia voltaron triunfar: a guerra eterna continúa.

Non é raro atopar cartaces e panfletos nas rúas de Madrid, e de outras cidades, con alusións extremadamente xenófobas e racistas que non vou reproducir. As pelexas e mortes entre membros de diferentes colectivos étnicos son habituais e xa non son case noticia excepto para contar o número de víctimas. Cal é a diferencia co anterior? No caso vasco trátase de violencia organizada, e, o peor de todo, ten o amparo dunha ampla base social que a alimenta. Esa base social está composta maioritariamente por milleiros de persoas que levan unha vida normal, estudantes e traballadores que se levantan cada mañá para realizar as súas tarefas e que teñen que convivir con outras persoas que non comparten a mesma visión do mundo ca eles. E vano seguir facendo.

Ao mesmo tempo do crime, houbo varios atentados con decenas de mortos noutras partes do mundo, máis éses, afastados e alleos, non afectan do mesmo xeito aquí e agora. Aínda que son igual de reais. E van seguir ocorrendo.

Estou convencido de que nos espera un futuro de paz e prosperidade en todo o mundo, mais, para logralo, queda aínda moito por traballar.

Chuzame! chuzame -
Introducción ao reintegracionismo (e III). Conclusión.

Éste é o último artigo dunha serie que acadou unha modesta repercusión no Blogomillo. Quérolle agradecer a Cleoninha que me ligara o primeiro post da serie nun comentario de Chuza, aínda que fora por motivos persoais. Cleo, sei que me estás lendo: obrigadinho.

Sobre o tema lingüístico galego leva moito tempo sendo motivo de controversia na sociedade. Talvez, demasiado. Temos, quizabes, exceso de lingüistas e falta de todo o resto. Ou talvez sexa unha característica propia á que non podemos escapar. De feito, temos ata unha lei na rede, a coñecida Lei de Berto enunciada polo creador de Chuza!, que ilustra moi ben a situación na que nos atopamos.

Existen argumentos a favor e en contra das dúas posicións, e non se deberían censurar os argumentos de ningunha delas, senón mirar cara adiante. Persoalmente, vexo dous criterios principais:

  • O reintegracionismo leva anos sendo excluido e proibido de xeito autoritario e tendencioso polo poder e os medios de comunicación, e aínda así segue existindo e incluso medrando. A sociedade galega debe deixar de darlle as costas e, polo menos, intentar escoitar.
  • A norma RAG é actualmente a máis aceptada pola sociedade e permitiulle á língua acadar un prestixio que só há vinte anos atrás era un soño lograr. É a base de moito traballo realizado que non se pode perder.

Na actualidade, a nosa língua está sufrindo ataques por parte de grupos de presión casposos apoiados por unhas bases gregarias e ovelleiras e uns medios de comunicación xa habituados a prostituirse. O único que nos queda é apoiarnos, compartir ideas, escoitar e non deixar de ser fieis a nós mesmos.

A nosa cultura ten un lugar no presente, e terá un lugar na mestizaxe do futuro.

Chuzame! chuzame -