Archive for febreiro, 2008
Conversa entre o Papa e o Verdugo

Conversa entre o Papa e o seu Verdugo:

- Un antigo dito entre o meu pobo reza: "A espada que mata é a mesma que da a vida" - dixo o Verdugo - .

- Mais, a quen lle deu algunha vez a vida a espada? - respondeu o Papa.

- Cada vez que hai unha loita, a espada dá a morte a un home e a vida a outro. E vida á súa família, aos seus servos e ao seu señor.

- Sí, supoño que a túa espada deume vida unha ou dúas veces. Mais o dito é pouco profundo. Algunhas cousas que dis fan que unha morea de xente confunda a Deus e ao Demo, Verdugo.

- Espero que que a Súa Santidade non estea entre eles.

- Non, mais que dis da acusación ?

- Négoa. Como poido confundilos ? Digo que non son dous.

O Papa botou a rir.

...

- Verdugo, es ateo ? - Preguntou o Papa.

- Non, oh. Honro a todos os deuses.

- E cantos inclue ese todos?

- Incontáveis. E un.

- Que carente de significado!

- Santidade, deixádeme ouvirvos contar ata un.

- Un.

- Sinalade ese un.

O Papa axitouse incómodo. Finalmente apuntou á súa cabeza co índice dereito.

O Verdugo riuse en voz baixa.

- Erro. Tivéstedes que pensar demasiado. E non costástedes ata un. Contástedes desde un e parástesvos. O un é incontável.

Tirado de San Leibowitz e a Muller Cabalo Salvaxe, de Walter Miller Jr.

Chuzame! chuzame -
Introducción ao Reintegracionismo (II). Normas básicas e uso.

A primeira cousa que hai que entender é que o galego reintegrado e o português escrito parécense moito, máis non son o mesmo. O reintegrado está pensado para que unha persoa acostumada a ler en português (galego do sur) poida ler sen dificultades un texto nesa norma.

¿Por que non sucede iso agora? Porque o galego da norma ILG-RAG, en adiante norma RAG (Instituto da Língua Galega-Real Academia), a actual, emprega unha ortografía calcada do castelán. O motivo de escollela foi aproveitar a escolarización da maioría da poboación na língua do estado para facilitar o uso da língua escrita. Lembremos que o galego estivo excluido das escolas ata comezos dos anos 80 do século pasado, tempo no que se creou a norma RAG. Nese momento pensouse que introducir outra norma só crearía confusión e esa decisión histórica é motivo de controversia ata os nosos días. Moito pesou a opinión do entón director do ILG, o asturiano Agustín González, nesa decisión.

As principais diferencias entre as dúas ortografías son estas, tomando como referencia a norma RAG:

  • As grafías ñ e ll son substituidas por nh e lh, respectivamente. Esta é unha norma moi coñecida por todo o mundo, que provoca xa un conflito coa norma RAG: a palabra unha e os seus derivados (algunhas, ningunhas), lense co son do ñ. A solución do português é empregar o m para representar ese son: uma. Daquela... ¿ como se sabe cando se pronuncia o m normal e cando co n nasalizado? Simplemente, é unha pequena excepción á norma que hai que memorizar. Na norma reintegrada acéptase intercalar unha h: umha, algumhas.
  • As palabras que en galego e castelan rematan en n, en português rematan en m ou ao nasal. Cando o fan en m, teñen o mesmo son que en galego... que é diferente do castelán. Pronúnciase igual que o nh na norma RAG do punto anterior, é dicir, n nasalizado (é un son moi común nos idiomas celtas e do norte de Europa e ausente no castelán). E para demostralo, unha proba moi simple: abonda pronunciar unha palabra rematada en n seguida doutra que comece en vogal: en ortigueira. Un castelán parlante pronunciaría enortigueira, sen pausa entre as dúas palabras, mentres que un galego parlante pronunciaría cada palabra como un golpe de voz.
  • O português respeta a etimoloxía das palabras. Deste xeito, as palabras latinas que en castelán se escreben con g ou j e en galego con x, conservan as consoantes orixinais: jeito, queijo, gigante, Júlia. Esta norma non afecta a: caixa, baixar, exemplo... As palabras que levan j ou g, pronúncianse en português padrón cun fonema intermedio entre o x e o ll do galego, que varía dependendo do lugar. Os casteláns optan por pronuncialo ll (tremenda mazarocada, mais non saben facelo mellor) e nós os galegos debíamos optar polo x (mazarocada menos grave). O x pronúnciase coma o noso excepto que a palabra veña do grego (ex. Alex), no que se pronuncia ks.
  • Cando unha s vai entre vogais, ten un son aproximado ao x. Se é dobre (como a rr dobre), ten un son coma o noso.
  • En português consérvase a grafía medieval ç, que é unha letra moderna a pesar do que se poida pensar xa que o resto de letras son anteriores a esa época. A pronúncia habitual en português é s, mais nós podemos pronunciala como z.
  • Unha dos rasgos que unen ás dúas línguas é fuxir dos ditongos crecentes e ser afín aos decrecentes. Por exemplo o ditongo do castelán ie (hierro), convértese en e (ferro), e o son o (toro) en ou (touro). Moitas terminacións cultas que o galego non puido desenvolver (-ción) por non ser cultivado literariamente, mudan en português. Ex: determinaçom, graça. En varios dialetos do português
  • As palabras do castelán rematadas en -ble, en português (en galego da última norma con b), rematan en -vel, facendo o plural en -veis. Esta mudanza no galego normativo fixo moita gracia e foi froito de moitas burlas por parte de sectores colonizados culturalmente, xa que a pronuncia opónse á castelá. Está aínda en entredito no galego RAG, mais aceptado a día de hoxe. O certo é que o galego patrimonial, puro, o que falan os nosos avós, non ten eses adverbios xa que non os necesita. Foron engadidos á lingua oral só cando o nível cultural ascendeu e a educación foi accesible á maior parte da poboación (último tercio do século pasado). Deste xeito faise lícita a súa inclusión na norma actual.
  • Hai tres acentos gráficos: agudo, grave e circunflexo, e ademáis un til de nasalidade. Explicalos sería un tanto extenso, os máis interesantes son o agudo e o circunflexo, xa que permiten diferenciar as vogais abertas das pechadas, algo que se moito en falta na norma RAG. A norma do reintegrado é menos estricta cos tildes nasais que o português padrón, obviando o til de nasalidade por non representar ningún son actual do galego.
  • Desfanse os ditongos crecentes como io e ie, admitidos na norma RAG. Na actualidade a xente nova, polo contacto continuo co castelán, normalmente pronuncia os ditongos crecentes. A xente maior, polo contrario, desfai o ditongo e pronuncia cada vogal en dúas sílabas, que debería ser forma correcta. Iso provoca que moitas palabras muden a acentuación (pasen de graves a esdrúxulas, por exemplo).
  • Os pronomes átonos van separados do verbo por un guión, o que permite diferencialos mellor. Exemplos: coñecendo-se, lembrou-mo. Nas primeiras versións da norma RAG, o guión empregábase para a segunda forma do artigo. Na norma actual, esa segunda forma está desaconsellada e só se mantén por conservar a compatibilidade cos textos xa escritos. O emprego do guión nos pronomes podería incluirse nas futuras revisións da norma RAG sen excesiva dificultade.
  • Desaparencen as grafías cultas ct e moitas cc. Ex: produto, vítima. Isto foi adoptado con bo criterio pola norma do galego actual, xa que son fonemas que non se pronuncian.
  • Certas palabras varían lixeiramente ou varían o acento: pelo => polo, sob => sobre, nen => nin. E outras algo máis: embora => aínda que. Son variacións mínimas que tamén existen no galego dentro da propia comunidade autónoma  e non afectan á comprensión mutua.
  • Existen diferencias básicas de conceptos no vocabulario: por exemplo, para os usos que nós empregamos o verbo crer, eles teñen dous verbos con significados diferentes: achar e acreditar. Mentras que achar significa crer por deducción, acreditar significa crer por fe.

Despois destes pequenos apuntes, creo que calquera fose capaz de lelo enteiro estará debecendo por comezar a ler en português. Escreber na norma reintegrada xa é un pouco máis complicado xa que implica coñecer en profundidade a língua e, sobre todo, mudar a forma de pensar. Nos últimos tempos a norma oficial da Xunta aceptou incorporar lusas xa presentes na lingua falada e desbotadas que axudaron a enriquecer o noso vocabulario e modernizaron a língua no seu conxunto, e ése é o camiño a seguir.

Exiten millóns de lugares na web por onde comezar a ler no idioma luso, desde a Wikipedia ata o SAPO, polo que practicar a día de hoxe é máis fácil ca nunca. Como última advertencia, os diferentes dialetos do português (europeo, brasileiro, africanos...) varían moito entre sí, máis que o castelán das súas variantes americanas. Tal vez algún día haxa lugar para outra variante máis: o galego.

Chuzame! chuzame -