Archive for xaneiro, 2008
Dicionario de Madrileño

Antes da segunda parte do meu artigo sobre o reintegracionismo, vou facer un breve inciso. Levo xa seis mesiños en Madrid (en galego debía ser Madrí) e debo admitir que aínda teño dificultades co idioma. É difícil de crer, máis é certo: o madrileño é unha variante do español normalizado case imposíbel de entender, e moito menos de intentar falalo.
Como resultado dos meus tremendos esforzos para poder relacionarme cos nativos fixen unha pequena listiña de palabros que me son imprescindíbeis na miña vida cotidiá:

  • Truño: Dise de algo que está mal feito dos pés á cabeza, e ademáis é feo.
  • Ñapa: Calquera cousa que haxa que facer para que un truño cumpra a súa función, independentemente das consecuencias que poida traer. No futuro será unha das poucas palabras do dicionario que comezará por esa letra.
  • SuperPro: Do bo o mellor e do mellor, o superior.
  • Restaurante: Lugar onde podes adquirir un prato de lixo a un prezo exorbitado. Isto é, fora de órbita.
  • Cubata: Derivado do garrafón que se sirve en establecementos públicos. Non apto para consumo humano.
  • Sala de concertos: Habitáculo habitualmente non superior a 15 metros cadrados destinado a facerlle perder á poboación o gusto pola boa música.
  • Piso: Parte dun edificio construido con papel e sucedáneos de cartón.
  • Provinciagh: Territorios conquistados e sometidos á vontado dos súbditos da capital.
  • Capital: En Egpaña, dise dunha cidade que o único mérito que fixo para merecer ese título é estar no centro xeográfico do territorio.
  • Galicia: Lugar natal del marigco y log percebeg

Como vedes, algúns destes termos existen tamén no galego con diferente significado.
Para rematar aquí tendes outro trapo, perdón, símbolo, que adorar:

Bandeira Madrid

Chuzame! chuzame -
Introducción ao reintegracionismo ( I ). Orixe e Bases.

O tema do reintegracionismo, é dicir, a aproximación do galego escrito á lingua irmá portuguesa leva tempo aparecendo nos medios de comunicación e colleu vigor nos últimos tempos. Trátase dun asunto controvertido, do que moitas veces se dá conta dun xeito parcial e interesado.
A corrente contraria, apoiada polo poder e aceptada como normal pola maioría da poboación, denomínase isolacionismo, que é un sinónimo de aillacionismo. As dúas correntes chámanse respectivamente uns a otros isolos e reintegratas, sen entrar en descalificacións severas.

Há outros lugares, por exemplo, a AGAL, onde se explican con detalle os argumentos do movemento reintegracionista. Só vou apuntar estes puntos chave:

  • A lingua coñecida como galego-português uniu ás dúas beiras do Miño durante a Idade Media con grande éxito literario.
  • Os dous dialectos comezaron a separarse sobre todo na pronuncia debido á segregación do reino de Portugal do de España. A conquista de América, o autoritarismo dos governos e a supremacía do reino de Castela sobre o resto da península favoreceron a ignorancia mutua entre os dous pobos, que chega aos nos días.
  • A norma actual, do Instituto da Língua Galega, é artificial e non reflexa a língua real. É a adaptación fonética dun dialecto sintético escrito con ortografía castelá. A maior parte da xente non identifica o galego que fala con esa norma.
  • O português actual é fácilmente lexible por calquera galego cun pouco de interese. Deste xeito temos acceso a toda unha cultura por un prezo mínimo. No mundo há 300 millóns de persoas que o falan como primeira língua. Todo unha cultura universal ao noso redor.
  • O castelán non vai desaparecer de Galiza e non é desexável que se dea o caso. O galego está en trámites para extinguirse a medio prazo, debido á falta de apoio da xuventude á lingua. Os menores de 25 en moi poucos casos falan galego, o que volve a situación catastrófica. Aproximarse ao português podería darlle forza.
  • O galego é unha lingua que neste momento difícilmente dá de comer. Relacionada históricamente coa miseria e condeada a ser só oficial dentro das fronteiras da mal chamada Comunidade Autónoma, é unha língua minorizada. O português, pola contra, é un idioma universal, falado nos cinco continentes e o cuarto máis falado do mundo despois do castelán.
  • Moitos dos usos e sons lusos son, a dia de hoxe, alleos e estraños ao galego falado, que leva séculos de aproximación ao castelán. Ese proceso radicalizouse nos últimos tempos, grazas aos medios de comunicación audiovisuais en masa.

A partir do anterior, tentarei desmontar algúns mitos. En primeiro lugar, téntase relacionar reintegracionismo con nacionalismo extremista. Desde logo, unha relación interesada e allea á realidade. É certo que há independentistas galegos que son reintegracionistas, máis o certo é que a unha grande parte dos independentistas son isolos acérrimos. Algúns reintegratas soñan coa reunificación con Portugal e moitos outros simplemente pasan da política. En calquera caso, trátase dunha opción escollida por xente de moi diversas ideoloxías e situacións sociais, sempre cun matiz internacionalista.

¿Como se chega a reintegrata? En primeiro lugar, case sempre, os reintegratas comezan sendo isolos. A educación en Galiza impártese na norma ILG e iso provoca que os primeiros contactos cunha norma ortográfica diferente sexan difíciles. Co tempo, o contacto, aumentado por Internet, fai que o interese aumente. A música e a literatura, sobre todo a brasileira, son un grande atractivo ao que é difícil escapar. Os lazos familiares son tamén un bo motivo para acercarse á lusofonía. E co tempo, vanse abandonando os motivos para mudar a forma de escreber.

Reintegracionistas importantes

  • Ricardo Carvalho Calero. Pai do movemento e, curiosamente, primeiro catedrático de Língua e Literatura Galega.
  • Celso Álvarez Cáccamo. Emprega a ortografia portuguesa. Un dos primeiros da rede, con artigos moi populares no xornal Vieiros.
  • Valle-Inclán. O afamado escritor en castelán despreciaba o galego, xa que o consideraba unha forma deturpada do portugués, que si era, daquela, un idioma literario. Por iso expresou a súa vontade en vida de que as súas obras non fosen interpretadas en galego.
  • Camilo Nogueira. Un dos antigos dirixentes galeguistas, ten expresado a súa opinión sobre este asunto en varias ocasións.
  • Fer. Un dos chefes da web Chuza, que conta co seu propio blog.

E a lista continuaría con máis nomes, que expresaron opinións de apoio ao movemento en maior ou menor medida. Todos eles interesados en defender a cultura galega e liberala da súa minorización. Castelao, un dos padres do galeguismo histórico, expresouno deste xeito na súa obra Sempre en Galiza: "Así como as augas do Sil voltaron ao seu cauce despois de moitos séculos, así voltarán o galego e português a ser a mesma língua".

Chuzame! chuzame -
Guadi deixa Berrogüetto

A cantora, gaiteira e compositora cedeiresa abandona, non se sabe se temporalmente, a banda do Berro no gueto. A nova é toda unha sorpresa para os seguidores do grupo. Será substituída por Xabier Díaz, do que xa teño falado en posts anteriores. É unha mudanza radical no grupo, que troca unha voz feminina por unha masculina, o que quizabes se traduza nunha variación das súas propostas musicais. Xabier xa colaborara antes co grupo en varias ocasións. De feito, ten gravado o disco Músicas de Salitre con Guillermo Fernández.

As dúas voces xa compartiron escenario máis dunha vez. Aquí tedes unha mostra, na presentación do último disco do grupo, 10.0.

Esta nova fíxose pública nos últimos días e foi algo realmente inesperado. Nos últimos tempos, a da vila de Cedeira puido concretar varios proxectos máis persoais con outros músicos e centrarse na súa labor como compositora. Nunha entrevista de hai dous anos, ela mesma falou dun novo Espido con Xabier máis os proxectos ás veces derivan por outros camiños. Tampouco se poden descartar entre os motivos discrepancias, lóxicas entre artistas, co líder espiritual, o ubicuo Anxo Pintos. Como dixo nunha entrevista recente o seu substituto, sería unha enorme perda que deixara a música galega. Non podo evitar lembrar o concerto de presentación do 10.0 gravado pola TVG, que anda circulando por ahí, é a que recibe a maior ovación do público cando sae en último lugar para poñerlle a emoción a ese "Fusco", un dos temas máis emotivos do grupo.


Tamén hai novas sobre o DVD e o novo disco do grupo, que parece ser sairá neste outono. Seica vai estar moi traballado, con moitas colaboracións e incluso cunha orquestra de fondo, isto último aínda sen confirmar. O disco vai ser grabado co novo cantor, máis de seguro que Guadi aparecerá nel. Estamos impacientes.

Chuzame! chuzame -
O perigos do localismo. Cariño e Ortigueira

Ponte entre Cariño e Ortigueira

O habitual nestes tempos desde os medios de comunicación é queixarse do demo do nacionalismo. Os que se queixan diso moitas veces non reparan na súa propia cegueira nacionalista, botando as pestes sobre os que non comparten a súa visión do mundo. Non é o único ismo que molesta, o imperialismo, o feminismo, o colonialismo e unha longa serie de ismos, que son a sal da vida tanto para ben como para mal, encabezan a lista de males para os talibáns sempre presentes grazas aos medios de comunicación de masas que nos impoñen.

Un dos ismos dos que menos se fala é o localismo. É un fenómeno universal, sen dúbida, máis ten unha grande presenza na nosa comunidade/país/nazón/rexión periférica (que cada un escolla o que mellor lle cadre). Todos os galegos do rural somos localistas por natureza e temos tendencia a pensar que a nosa aldea ou vila é a mellor deste universo. A xente dos lugares viciños é o inimigo e está en contra nosa incondicionalmente. Deste xeito todos as vilas viven en perpetuo enfrontamento cos seus viciños, provocando numerosos enfrontamentos innecesarios e unha perda de visión global que os empobrece recíprocamente.

O nível máximo de rivalidade dáse entre as dúas cidades de maior poboación: A Coruña e Vigo, máis é extrapolavel a todo o conxunto da sociedade galega. Sería moi fácil facer una comparación entre o localismo e nacionalismo desde un punto de vista abstracto, mais o resultado sería moi subxectivo. A realidade é que o galeguismo, ou nacionalismo galego, surxiu como resposta entre outros a ese problema e foi a única ideoloxía que ofreceu solucións, como un sentido de unidade, a ese problema.

Desde a comarca do Ortegal, o perxuízos son evidentes. Ubicada no extremo noroccidental da provincia da Coruña, entre as comarcas da Mariña, o Eume e Ferrolterra, a súa situación estratéxica convírtena en teoría nun dos lugares con maior futuro e proxección da Unión Europea. O futuro dirá se se cumpren esas expectativas ou non.

A historia desta comarca, delimitada polo contorno das rías de Ortigueira e do Barqueiro, vén marcada por unha vila principal, Ortigueira, a vila. A orixe deste topónimo remóntase á época da dominación romana, polo que históricamente é a cabeceira da comarca ata hoxe. Desde sempre, a Administración situou as súas dependencias alí, e os notables (médicos, avogados, etc.) estableceron no casco urbán a súa residencia.

Non sendo unhas terras especialmente fértiles e doadas de cultivar, a marxe occidental da ría de Ortigueira non despuntou ata a época da industrialización, aló por finais do século XIX. Nesa época varios fabricantes de conservas de peixe, maiormente de orixe catalana, asentáronse nos arredores do porto do lugar de Cariño. Foi a partir de entón a aldea se transformou en vila e medrou ata converterse nun dos centros industriais do norte de Galiza.

Na primeira metade do século XX, Cariño representaba para os seus a industria e o progreso, mentres que Ortigueira quedaba atrasada no antigo réxime feudal e agrario. É entón cando aparece entre a xente de Cariño a idea de segregar se das poutas de Ortigueira co fin de evitar o desvío de recursos cara a cabeceira de comarca. Naturalmente, isto provoca inmediatamente da élite da vila, aínda que á maior parte da poboación non lle importe o máis mínimo. Hai que lembrar que durante o antigo réxime, é dicir ata a chegada da democracia actual, o pobo case non tuvo posibilidade de decidir, unha inercia social que en moitos lugares chega ata hoxe.

Despois sucédense os episodios escuros da Guerra Civil e a ditadura. Durante a guerra, cidadáns de Cariño intentaron tomar pola forza Ortigueira, que apoiaba aos rebeldes franquistas e ao fracasar o povo sufriu as consecuencias da represión posterior. Esta represión, que afectou indiscriminadamente a moitos inocentes, aumentou o odio entre as dúas beiras de xeito que, cando se chegou á democracia, Cariño foi o primeiro concello galego en segregarse e independizarse por vías democráticas, no ano 1989.

A día de hoxe, os dous concellos están case totalmente aillados un de outro. A marxe oriental sometida a unha ditadura totalitaria do seu amo e señor, o famoso e televisivo ex-alcalde de ortigueira, dono da única industria e de case todo concello. A marxe occidental, pola contra, veuse sometida aos rigores da reconversión industrial de finais do século XX, co sucesivo despovoamento e desindustrialización. As dúas vilas sufren neste momento o boom da construcción na costa, desnaturalizando o entorno e chegando ao derribo de edificios históricos para construir bloques de apartamentos, na súa maior parte baleiros todo o ano.

A pesar desta desgarradora historia, non todo é odio e rancor entre as dúas beiras. Durante todo este tempo houbo numerosas iniciativas nas que colaboraron persoas que intentaron construir e sumar esforzos polo ben común. Unha das máis antigas é a construcción dunha ponte que unise as dúas marxes da ría. Houbo varios proxectos nos anos 70 e 80 do pasado século, máis, debido en boa medida á segregación, quedaron no esquecemento. Aínda así non me resisto a expoñer unha listiña dos seus aspectos positivos desa obra:

 

  • O custe das pontes mariñas é inferior en moitos casos ás terrestres. Non sería en ningún caso excesivo para as sempre mermadas arcas públicas.
  • O impacto ambiental dunha ponte é sempre reducido e incluso benefecioso en determinados casos. A inclusión da ría de Ortigueira nun espazo de especial protección da natureza non debería ser obstáculo.
  • Acurtando o traxecto entre as dúas vila aforraríase combustível nos desplazamentos, co conseguinte beneficio ecolóxico. Eses 20 km. que há hoxe poderían quedar en menos de 5.
  • Facilitaría o tránsito dos peatóns de dos ciclistas, que disporían dun novo espacio ao ar libre. Sen dúvida, serviría para facer máis atractivo prescindir do automóvil nos desprazamentos curtos.
  • Sería, necesariamente, outro atractivo turístico. E, sobre todo, algo para que disfrutara a xente do lugar todo o tempo.

Na parte superior do post, coloquei unha ponte debuxada por encima dun mapa de satélite. Agora non deixa de ser unha broma, máis no futuro, talvez, poida ser unha realidade. As pontes unen e non podo evitar mencionar aquí a dos amigos meus, él da Pedra e ela de Cuiña, cada un da súa beira, que van casar este verán. A eles dous van adicadas todas estas liñas.

Chuzame! chuzame -