Dicía o diretor de cine Paul Verhoeven que non coñecía ningunha película de ciencia-ficción tratase do futuro, todas tratan do presente. Deste xeito, para falar do que vai vir temos que reparar no que está a suceder agora mesmo. E neste momento están a ocorrer, case sen decatarnos, moitas cousas interesantes.
Se hai unhas semanas falaba da ínclita (famosiña) Iolanda Castiñeiro, coas súas intrigas e conxuras, referíame tamén a ela como precursora ou pioneira da postmodernidade, aínda que fose dez anos despois de poñerse de moda o termo. Non é a única, nin sequera a primeira e sería inxusto referirse só a ela. O longo camiño que leva á nosa cultura desde a aldea medieval á aldea global está cheo de triunfadores, incomprendidos, heroes e mártires. Hoxe vou falar doutro deles.
Xa mencionei anteriormente no blog a Projecto Mourente, un dos pioneiros do pop eléctronico galego. O seu grande éxito "Baixo os eucaliptos" enche e encherá noites de gloria nas romarías do país, sendo especialmente memorable no Naseiro, baixo o ceo estrelado de finais do verao. Nesta ocasión, directamente desde a rede, chega outro traballo de música electrónica: "Finais dos 70, comezos dos 80s" de Fanny + Alexander. Cunha estética moi traballada e calidade abondo como para soar no mítico programa de Radio 3 "Século XXI", o futuro é seu. Son máis que un referente: son a realización dun soño. Comparados con Voces Ceibes e gabados únanimente por crítica e público, só queda esperar que manteñan e evolucionen na mesma liña. O tempo corre ao seu favor.
Agardando impacientemente que actúen en Ohmios (se é que non o fixeron xa), podedes baixar o álbum enteiro desde A Regueifa. E desta vez a descarga non é delito.
chuzame -
Outra tanda máis de fotos e... xa teño esgotado o espazo que me adxudica gratuitamente o Picassa. Estamos en tempo de melancolía e lembranzas, así que aquí tedes os álbuns recén subidos:
- Nasseiro (2007). Non saen fotos comprometidas (acho).
- Mundo Celta (2007). Fotos do Festival do Mundo Celta de Ortigueira.
- Despedida de Madri e Patrona da Vila. A miña despedida da patria cara Madrí e as festas da patrona da Vila de Ortigueira.
Como vén sendo habitual, podedes acceder a elas desde as ligazóns da columna da dereita. Xa está corrixido o erro da ligazón 'Viaxe a Lisboa', polo que xa podedes ver ese álbum.
Que as aproveitedes.
chuzame -
Despois dun tempo sen subir ningunha foto, decidinme a empregar o servizo Picasa do monopolio Google para subir estes tres álbuns:
- Lagos de Sanabria e Norte de Portugal
- Lisboa, Portugal
- Fragas do Eume
Todas deste ano 2007. Pode que vaia algunha foto borrosa ou que non se vexa ben. Se é así, avisádeme cun comentario ou correo no que veña o álbun e o número de foto que ten. Para saber o número abonda con pulsar sobre a imaxe e na parte dereita da pantalla aparecerá.
Desta vez fixen caso omiso da prohibición de que saíran determinadas persoas e aparece todo o mundo. Se algún non quere que apareza algunha foto, só ten que pedilo.
Non sexades malos.
chuzame -

Aquí tedes o que con moita probabilidade sexa un dos posters da película na que, de momento, estou a traballar: Planet 51. Xunto con case outras 200 persoas, naturalmente. Podedes ver algúns detalles e fotos da película na web do estudio, Ilion, que de momento está só en inglés. O argumento vai dunha invasión de alieníxenas á inversa, é dicir, os invasores son os humanos. O resto dos detalls do film son estrictamente confidenciais, así que non vos podo contar nada máis. Espero que vaiades a vela cando se estree nas salas.
chuzame -
Acabo de comezar un novo blog sobre os diccionarios de galego que existen en liña. O motivo de comezar de novo con outra bitácora é que o contido dos tutoriais racha coa estética deste, ademáis que separar contidos diferentes. Podedes ir a novo blog desde esta ligazón ou desde o menú da esquerda.
A bitácora inclúe información sobre como agregalos aos navegadores, o que facilita o seu uso. De momento, empezo co Opera, máis adiante continuarei co Firefox e, se cadra, co Internecio Explorer. Espero que vos aproveite.
chuzame -
Véño de asistir a un dos concertos máis hipnotizantes que lembro desde que teño memoria. Béla Fleck, un mestre do banjo e o Blue-Grass, e Chick Corea, o pianista de Jazz máis coñecido dese xénero. Trátase polo tanto, dun concerto de música de fusión, ese termo tan de moda e tan mal empregado últimamente.
Debo recoñecer que era un tanto excéptico sobre a mestura resultante antes de ir ao concerto. Xa escoitara algo en Radio 3, que é a única que lle presta atención a este tipo de música, e non estaba moi convencido de que un piano e un banjo puideran arrimarse ben. Deste xeito, comecei a preocuparme cando empezaron e soaron as primeiras e desacordes notas. Por fortuna foi un espellismo, a coordinación foi total en toda a actuación. Os dous xenios conseguiron lograr algo único, un encantamento, que é precisamente o título do disco: The Enchantment.
Como apunte, o concerto estivo dividido en dous actos, de xeito que as tres horas que durou se fixeron máis levadeiras. De feito, moitos nin sequera notamos o paso do tempo.

Por certo, o escenario da actuación foi no Teatro Circo Price, perto da estación de Atocha (a do 11-M) en Madrid. Este recinto foi creado como Circo na súa orixe. Co paso do tempo, a xente deixou de interesarse por ese espectáculo e, inexplicablemente, en vez de tirar co edificio e construir un bloque de pisos, pasou a ser ser empregado para a música e o teatro. Que desperdício.
Xoves, quinta feira, vén Luar na Lubre por estas paraxes. A ver que tal.
chuzame -
Estamos no outono, tempo de nostalxia e melancolía, e tempo para botar unha ollada atrás e facer memoria de todo o acontecido en todo o ano. Do bo e do malo, e do que se pode mellorar. Escrebo todo isto mentres escoito o poema de Maria Lado con música de Fanny+Alexander que podedes atopar na web da Regueifa, unha auténtica delicia.
Unha grande parte da literatura galega, como de outras línguas minorizadas, é poesía. O motivo de que sexa así é o mesmo que fai que a xente siga a falar o idioma: o sentimento. Deste xeito, como dicía Carlos Casares, un pode ter lazos sentimentais que o vencellen a unha língua, como sucede cos lugares e coas persoas. E un pode aferrarse as eses lazos.
O vídeo de hoxe é algo máis longo do habitual. Tenta ilustrar todos os tópicos sobre a língua galega, incluido o que acabo de falar. Tanto o contido como a factura visual son óptimos, polo que vos recomendo encarecidamente velo. Pulsando sobre o botón de Google Video, podedes ir á páxina onde descargalo a calidade boa.
chuzame -